HomeVigoMosA alcaldesa de Mos participa en Madrid na concentración da FEMP para...

A alcaldesa de Mos participa en Madrid na concentración da FEMP para reclamar solucións á asfixia financeira dos concellos

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou esta mañá en Madrid na concentración convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) diante do Congreso dos Deputados para reclamar solucións urxentes fronte á grave situación de asfixia financeira que atravesan os gobernos locais.

A mobilización, impulsada pola presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, congregou a alcaldes e alcaldesas de todo o Estado e contou co apoio unánime dos grupos políticos con representación na federación (PP, PSOE, Junts, ERC, Sumar-Podemos-IU).

Durante a concentración, reclamouse ao Goberno central:

·        A aprobación inmediata dun Real Decreto-lei que garanta a suficiencia e estabilidade financeira das entidades locais.

·        A actualización das entregas a conta para o ano 2025 e o abono das liquidacións pendentes de 2023, que supoñen unha perda de máis de 4.800 millóns de euros para os concellos.

·        A autorización para destinar o superávit municipal a investimentos financeiramente sostibles.

·        A convocatoria urxente da Comisión Nacional de Administración Local (CNAL), que leva tres anos sen reunirse de forma ordinaria.

A alcaldesa mosense manifestou que “os concellos precisamos ferramentas e recursos para continuar prestando servizos públicos de calidade. Esta situación é insostible e require unha resposta inmediata do Goberno central. Os veciños e veciñas merecen unha administración local forte, con capacidade para atender as súas necesidades”.

Desde o Concello de Mos, reiteramos o noso compromiso coa defensa do municipalismo e a nosa esixencia dun sistema de financiamento xusto, suficiente e estable para todas as entidades locais.

Publicacións Relacionadas