A nacionalista Maite Tocino advirte de que a veciñanza “non pode baixar a garda” mentres existan ameazas para os sectores produtivos e o medio natural da ría
A alcaldesa de Pontecesures Maite Tocino fixo hoxe un chamamento á veciñanza de Pontecesures e do conxunto da súa contorna para participar masivamente na manifestación convocada para o vindeiro 14 de xuño na Illa de Arousa contra os proxectos de Altri e da mina de Touro-O Pino, dúas iniciativas que considera incompatibles coa protección da ría, dos seus recursos naturais e dos sectores produtivos que sustentan milleiros de postos de traballo.
A nacionalista lembra que a mobilización está convocada polas plataformas Ulloa Viva, Mina Touro-O Pino Non e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), colectivos que levan anos alertando dos impactos que ambos proxectos poderían ter sobre o territorio, os recursos hídricos e os sectores produtivos. Para Tocino, a convocatoria representa unha nova oportunidade para que a cidadanía volva expresar de maneira clara e contundente o seu rexeitamento aos dous proxectos.
“A resposta da sociedade galega foi exemplar durante estes últimos anos e agora debemos volver demostrar que seguimos vixiantes e comprometidas”, subliña, para engadir que “Pontecesures está á beira do Ulla e forma parte dun territorio que vive pendente da saúde da ría. Cando a ría e os sectores produtivos están en situación de emerxencia, quedar calados non é unha opción, e como alcaldesa teño a obriga de defender os intereses da veciñanza”.
A rexedora fai fincapé en que, malia o importante avance que supuxo o arquivo do expediente de Altri, a sociedade ten motivos de sobra para manter a mobilización. Lembra que a empresa presentou alegacións e a cidadanía ten dereito a desconfiar. “Durante demasiado tempo a Xunta actuou máis como defensora dos intereses de Altri que como garante do interese xeral.
Por iso é fundamental seguir demostrando nas rúas que nós, que toda Galiza, non queremos este proxecto”, afirma.
A respecto da mina de Touro-O Pino, Tocino considera que a situación é moi semellante e advirte de que seguen existindo enormes incertezas sobre as consecuencias reais do proxecto.
“A día de hoxe continúan sen resolverse cuestións fundamentais relacionadas coa xestión dos residuos mineiros, a contaminación das augas, o impacto sobre o río Ulla ou a posible desaparición de mananciais. Son preguntas que seguen sen resposta e que afectan directamente ao futuro de toda a ría”, explica.
Tocino asegura que a protesta da Illa de Arousa debe converterse nunha nova demostración de forza da sociedade galega e nunha mensaxe inequívoca. “Temos que encher a Illa de Arousa.
Temos que demostrar unha vez máis que a defensa do territorio, da ría e do futuro das nosas comarcas segue a ser unha prioridade para milleiros de persoas: o que reclamamos é a denegación definitiva destes proxectos porque o noso territorio non pode vivir permanentemente ameazado”, sinala.
A manifestación celebrarase o domingo 12 de xuño na Illa de Arousa, con saída ás 12.00 horas desde a Praia do Vao para rematar no Porto do Xufre.

