O alcalde David Carrera e membros desta asociación escolar presentaron a actividade que contará con 51 expositores, música e obradoiros participativos
O alcalde da Lama, David Carrera, e varios membros da Asociación de Nais e Pais Cal do Vergazo, que preside Pomba Longueira, presentaron a segunda edición do Mercadillo Artesanal de Nadal que organiza esta entidade escolar en colaboración co Concello o vindeiro domingo 15 de decembro en horario ininterrumpido de 11 a 20 horas no pavillón municipal de deportes.
Na presentación o alcalde e a presidenta da ANPA estiveron acompañados por Marisa Sieiro e Rocío Quiroga, compoñentes desta entidade escolar e que forman parte do equipo de colaboradores que está organizando en poñendo en marcha a segunda edición deste Mercadillo.
Así, un total de 51 artesáns estarán presentes no II Mercadillo da Lama e achegarán as súas creacións máis orixinais ao público que se achegue ata o pavillón de deportes da Lama. A xornada expositiva comezará ás 11 da mañá e prolongarase sen interrupción ata as 20 horas e as persoas que se acheguen ata o pavillón poderán tamén mercar comida mexicana, vegana e outras ademais de disfrutar da música do grupo “Nós tamén imos”, da Insua (Ponte Caldelas).
STAND SOLIDARIO DE XOGUETES E LIBROS DA ANPA: “COLLE O QUE QUEIRAS E PAGA O QUE POIDAS”
Nesta edición, a ANPA Cal do Vergazo volverá dispoñer dun stand solidario que baixo o título xenérico de “Colle o que queiras e paga o que poidas” permitirá que os visitantes do Mercadillo poidan mercar un xoguete ou un libro ao prezo solidrio que consideren oportuno.
Ademais, durante todo o día, haberá animación para os cativos e así, estarán en funcionamento obradoiros de decoración de madeira, de escaiola, elaboración de trenzas, cesteiría, goma eva, fieltro, xogos e marionetas. Tamén haberá un buzón para que os máis pequenos poidan depositar as súas cartas con destino a Papá Noel, os Reis Magos e O Apalpador.
Tanto Pomba Longueira como David Carrera animaron á veciñanza a se achegar o domingo 15 de decembro ao pavillón da Lama e visitar o Mercadillo Artesanal e agradeceron tamén o apoio dos establecementos comerciais que colaboran con esta iniciativa que esperan consolidar como unha actividade anual por estas datas no concello da Lama.