As cifras da liquidación do ano 2025 do Concello de Ponteareas reflicten estabilidade, capacidade económica e garanten a execución de proxectos fundamentais para un histórico salto de calidade nos servizos públicos
O Concello de Ponteareas pechou o exercicio económico 2025 cunha xestión sólida e eficaz, executando máis do 80% do seu gasto (24,3 millóns de euros) e alcanzando unha execución de ingresos superior ao 82% (24,9 millóns de euros), datos que confirman a capacidade real do goberno para transformar o orzamento en feitos.
O concelleiro de Economía e Facenda, Francisco Jesús Represas Carrera, destacou que “non só temos boas previsións, senón que executamos e cumprimos, convertendo os recursos públicos en servizos, investimentos e oportunidades para a cidadanía”.
A liquidación do orzamento reflicte unha capacidade de financiamento superior ao millón de euros, cumprindo co principio de estabilidade orzamentaria. Ademais, o Concello presenta un resultado orzamentario positivo próximo aos 600.000 euros, o que evidencia unha xestión responsable e equilibrada.
Outro dos datos máis relevantes é o baixo nivel de débeda, situado no 17,40% dos ingresos correntes, moi por baixo dos límites legais. “Este dato permítenos afrontar con garantías o futuro e acometer investimentos ambiciosos sen comprometer a estabilidade económica”, sinalou o concelleiro.
Neste sentido, o Concello prevé mobilizar máis de 11 millóns de euros en investimentos nos próximos catro anos, unha cifra histórica para Ponteareas. Deste total, estímase que 4,5 millóns de euros estarán executados antes do 31 de marzo de 2027.
Estes investimentos desenvolveranse no marco dos Fondos Europeos máis importantes conseguidos por un goberno municipal na historia de Ponteareas, coñecidos como fondos EDIL financiados a través do programa FEADER da Unión Europea.
Entre as actuacións máis salientables inclúense a nova biblioteca municipal, cun investimento superior aos 5 millóns de euros, así como os novos centros de día de Xinzo e Guláns, e os centros socioculturais de Padróns e Pías, proxectos chave para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da cidadanía.
No exercicio 2025, o Concello xa destinou preto de 4,5 millóns de euros a investimentos, incrementando significativamente esta partida respecto ao ano anterior e consolidando unha política económica centrada no desenvolvemento do municipio.
Ademais, o Concello presenta un período medio de pago a provedores de 18,86 días, mellor que a media dos concellos de España (22,13 días) e o mellor dato dos últimos anos, o que reflicte unha xestión eficiente e un compromiso claro co tecido empresarial local.
Represas Carrera concluíu destacando que “Ponteareas está nun momento histórico: temos estabilidade, temos capacidade económica e temos proxectos. Agora é o momento de transformar o noso municipio con investimentos históricos”.
Desde o Concello subliñan que estes resultados consolidan unha tendencia positiva na xestión económica municipal e sentan as bases para seguir avanzando nun modelo de crecemento sostible, responsable e centrado nas persoas.

