A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle este venres 22 de maio ás 20:00 horas a presentación do libro de Carlos Méixome ‘Polos avieiros de Dona Emilia’. Ademais do propio autor, intervirán o alcalde, Juan González, Camiño Noia polo Club de Lectura Lucenza-Ateneo e Juan Guinarte do Club de Lectura ‘Nieves Ibarra’.
Avieiro, hidrotopónimo nacido da farturenta creatividade de Emilia Pardo Bazán, fundindo de Avia e Arenteiro, sérvelle ao autor para imaxinar o seu propio e difuso territorio, co Carballiño no centro, para percorrelo da man da que denomina “triloxía pardobazaniana do Avieiro” (El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza) e ofrecernos unha manchea de memorias persoais, familiares, colectivas, xeracionais, retratos de persoas das que se sente debedor, pescudas historiográficas diversas, algún que outro segredo de familia e, ao tempo, guiarnos na localización física, familiar e emocional das tres obras de dona Emilia.

