A biblioteca municipal Luís Seoane supera todas as espectativas na celebración do seu día grande

adminON
Lectura mínima de 5

No Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, fixéronse máis de 100 préstamos e 12 carnés. Cifras récord para a Luís Seoane que cumpre os seus obxectivos marcados co programa Dálle a volta á Biblioteca que ten como fin abrir as portas do centro á toda a veciñanza a través de diferentes actividades.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas e a bibliotecaria da Biblioteca Municipal Luís Seoane, Patricia R. Saavedra están máis que satisfeitas co resultado final do programa Dálle a volta á Biblioteca, un proxecto que naceu para conmemorar dúas datas referentes para a Biblioteca Municipal ‘Luís Seoane’ de Soutomaior, tal e como son o Día das Escritoras, que se conmemorou o 14 de outubro, e o Día das Bibliotecas, que se celebrou o 24 deste mes.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, dixo nesta mañá que “estamos moi contentas porque acadamos de sobra os obxectivos marcados para este programa que eran, por unha banda, abrir a Biblioteca a novos públicos e, nese sentido, o gran número de carnés que se fixeron así o demostra. E, por outra banda, queriamos derrubar a idea de que nas bibliotecas só temos libros e, por iso, realizamos unha xornada de presentación de xogos de mesa que agora tamén xa se poden prestar”.
Na xornada do 24 de outubro, o Día das Bibliotecas, pasaron pola Luís Seoane máis de 150 persoas e fixéronse máis dun centenar de préstamos, unha cifra récord para este centro situado en Arcade.
Con motivo desta celebración, só nun día fixéronse o 9% dos carnés para novos usuarios e usuarias de todo o ano 2024 ata a data. Iso significa que se fixeron tantos carnés no 24 de outubro como en todo o mes de xaneiro ou de febreiro e máis que en calquera mes do verán.
Ao longo deste programa que comezou o 14 de outubro e rematou o día 24, Soutomaior puxo en marcha varias actividades dirixidas a todos os públicos que se desenvolveron de balde na Biblioteca. Así, para visibilizar as obras das escritoras galegas, o programa comezou coa escolla do libro ‘As puntas da louza’ da nosa veciña Lorena Conde (Premio de Poesía Cidade de Ourense, 2021). O luns 14 de outubro puidemos desfrutar da performance poético musical que se levou a escena partindo dos textos do seu poemario.
Continuamos o mércores 23 de outubro co espectáculo “Galicia coa maxia” do mago que coorganiza o festival de maxia “Galicia Ilusiona”, Pedro Bugarín, dirixido ao público infantil e continuamos ao día seguinte celebrando o Día das Bibliotecas con máis propostas coas que gozar da biblioteca municipal dun xeito diferente. Comezamos a xornada coa visita dos usuarios e usuarias do centro de día Boas Apertas de Arcade dentro do programa de extensión bibliotecaria “Bibliofogar” e rematamos cunha visita teatralizada á biblioteca coa aparición da “pantasma” de María Moliner, onde puidemos coñecer os segredos da nosa Biblioteca e tamén as diferenzas coas bibliotecas do pasado. E, entre ambas actividades, os xogos de mesa foron os grandes protagonistas, un momento para dar a coñecer o variado catálogo de xogos pensados para divertir, exercitar a concentración, a memoria e a imaxinación na Luís Seoane. Ademais, dende esa xornada, xa están dispoñibles para o préstamo.
Por outro lado, o Día das Bibliotecas foi unha xornada que chegou cun agasallo moi especial, todas e todos os que realizaron un préstamo dun libro, revista, película, CD ou xogo de mesa levaron unha bolsa deseñada pola artista local Alba Troiteiro inspirada na biblioteca. Pero iso non é todo porque as e os que asistiron á visita teatralizada de María Moliner levaron tamén unha ilustración exclusiva da mesma artista.
Un éxito, a celebración deste programa, que acadou o seu obxectivo, abrir as portas da Biblioteca á veciñanza do concello de Soutomaior e a súa contorna.

Comparte este artigo