A Comisión Heráldica aproba novos símbolos para o concello do Porriño

Redacción

― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu a reunión na que se lle deu o visto bo ao escudo e á bandeira

― O Goberno autonómico leva aprobados 289 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia atendendo ás peticións das entidades locais para adaptar os símbolos ao decreto que os regula

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Heráldica na que se informou de xeito favorable sobre a proposta para que sexan aprobados polo Consello da Xunta novos símbolos para o Concello do Porriño, tanto o escudo como a bandeira.

O Goberno autonómico leva aprobados 289 escudos e bandeiras, tras a petición das respectivas entidades locais de Galicia de modificar ou rehabilitar os seus símbolos para adaptalos ao decreto que os regula.
Segundo explicou a directora xeral de Administración Local, os municipios e as demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme ás normativas de heráldica.

Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comisión de Heráldica é o órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito á consellería competente en materia de réxime local, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sendo a encargada de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas. Ademais, poderá elaborar as correspondentes propostas para a modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.

Comparte este artigo