A Comunidade de Montes de Salcedo aproveitou a celebración da súa Festa da Veciñanza Comuneira, na que participaron preto de 400 persoas, para inaugurar dúas fontes de auga potable e un espazo de lecer e encontro veciñal que acolleu o xantar popular que serviu para escenificar a grande unión existente na parroquia.
Pasada as 12 do mediodía unha comitiva de comuneiros partiu desde o lugar onde estaba instalada unha carpa xigante para albergar aos preto de 400 comensais que participaron na VIII Festa da Veciñanza Comuneira para desprazarse ata as inmediacións das Cabanas Prehistóricas onde estaba ubicada a Fonte do Vello, o primeiro dos acuíferos inaugurados na xornada de onte.
A encargada de efectuar a inauguración oficial foi a secretaria da Comunidade de Montes, María del Puerto Garrido, quen en presenza do presidente, Fernando Pintos Pereira, membros da Xunta Reitora e comuneiros procedeu a retirar a lona que cubría a fonte e dar orde de que a auga fluíra polo cano de aceiro.
María del Puerto Garrido sinalou que esta fonte está ubicada preto das cabanas prehistóricas co fin de abastecer a este lugar do líquido elemento e, sobre todo, dar servizo aos mozos e mozas, estudantes, que pernoctan e acampan nese lugar para vivir a experiencia de vivir cos mesmos medios dos seus antergos que poboaron este espazo na idade do Ferro ou do Bronce.
Seguidamente a comitiva regresou ao punto de partida para inaugura a Fonte do Campo da Festa onde a vicepresidenta da Comunidade de Montes, Teresa Covelo, foi a encargada de reivindicar este espazo como un lugar de encontro da veciñanza e lembrou o traballo realizado polas xuntas reitoras anteriores e polos comuneiros que contribuiron a recuperar o monte para a veciñanza de Salcedo no longo e complicado proceso xudicial contra o Ministerio de Defensa.
Teresa Covelo agradeceu tamén a implicación da Xunta Reitora que preside Fernando Pintos na recuperación dun espazo que fora durante moitos anos un campo de tiro, baldío e deteriorado e que agora recupera todo o seu esplendor natural, cunha planificación do espazo, plantación de árbores frondosas e servizos como a fonte que se inaugurou.
Finalmente, o presidente Fernando Pintos foi o encargado de inaugurar o Campo da Festa, lugar no que tivo lugar a VIII Festa da Veciñanza Comuneira, un espazo ubicado fronte ao campo de fútbol que se está a construir e que presenta un recinto con peche perimetral, mesas de pedra, árbores que darán sombra e a fonte, de dúas caras, que permitirá que a veciñanza e os visitantes poidan refrescarse e saciar a súa sede xa que a auga que mana dela é apta para o consumo humano.
Fernando Pintos descubriu un monolito pétreo conmemorativo desta efeméride ao tempo que o grupo de gaitas Son da Pedra interpretaba o himno de Galicia.
Rematadas as inauguracións, os asistentes dirixíronse á carpa onde tivo lugar o xantar popular no que o avogado Calixto Escariz foi o convidado especial da Comunidade de Montes para dirixirse aos presentes como un dos artífices da vitoria xudicial de Salcedo no proceso de recuperación do monte ante Defensa e tamén doutros espazos que foran usurpados á veciñanza.
Calixto Escariz agradeceu o convite e salientou na súa curta alocución a importancia da boa xestión comuneira e a posta en valor dos bens colectivos que supón o monte e se referiu ao proceso levado a cabo, desde o final da dictadura, para a recuperación e para o disfrute da veciñanza dun recurso tan importante desde o punto de vista económicos, medioambiental e social como é o monte comunal.
Rematou a xornada cunha sesión de baile amenizada polo Dúo Marema e o sorteo de varios agasallos entre os presentes.

