- O acto celebrouse pola mañá no salón de plenos da Casa do Concello e nel participaron edís dos grupos políticos municipais
A corporación municipal de Bueu organizou este venres, 16 de outubro, unha despedida e agradecemento a José López Moldes ‘Josecho’, quen exerceu de párroco da vila durante os últimos nove anos. O acto tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello e nel participaron o alcalde Félix Juncal, así como outros concelleiros e concelleiras dos grupos políticos municipais.
O alcalde louvou a figura do párroco ao que se dirixiu para salientar que “demostraches dende o principio que querías formar parte da nosa comunidade, e gañaches o respecto de todo un pobo”. Así mesmo, o rexedor puxo en valor a participación do xa ex crego que deixa unha pegada importante porque “sempre tiveches interese en participar da vida social, acompañando as persoas en momentos difíciles e mostrando colaboración co concello para todo o que fose necesario”.
Pola súa banda, o párroco mostrouse moi emocionado e agradeceu a acollida, ao tempo que manifestou que “dende o primeiro día que viñen quixen ser un máis da comunidade, non só da católica senón do pobo e da cidadanía”. Para el, recoñeceu, “é moi especial estar aquí na casa de todos, pois fixen máis amizades fóra da igrexa que na propia igrexa”.
Ao remate, o párroco foi agasallado cunha bandeira do municipio, un pin co escudo e varias publicacións sobre a historia municipal.

