HomePontevedraPontevedraA Deputación organiza un mercado en Vigo para visibilizar o traballo dos...

A Deputación organiza un mercado en Vigo para visibilizar o traballo dos centros educativos que participaron no programa provincial DepoEmprende

- Anuncio -spot_img

A vicepresidenta Luisa Sánchez asistiu ao mercado, no que se deron cita alumnas e alumnos de educación secundaria e especial de Cangas, Marín, Moaña, As Neves, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este mércores en Vigo ao mercado que organizou a institución provincial para poñer en valor o traballo realizado polos centros escolares que participan no programa DepoEmprende, concretamente nas modalidades da ESO e Educación Especial. No mercado, que estivo instalado no Porto de Vigo, alumnado de Cangas do Morrazo, Marín, Moaña, As Neves, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa puxo á venda os produtos que elaboraron e/ou comercializan a través das cooperativas que crearon de cero ao longo do curso 2024/2025.

A vicepresidenta Luisa Sánchez lembrou que este mercado “pon en práctica un dos últimos pasos da cadea do proceso dunha cooperativa” aínda que lembrou que “isto non remata aquí, xa que despois hai que facer contas, determinar que o negocio é viable ou analizar formas de atraer novos públicos”. Sánchez recordou que “en realidade o proceso non acaba nunca, e seguro que participar vos fixo valorar máis se cabe o traballo e esforzo dos pequenos e medianos empresarios, do comercio local e de proximidade, para saír a flote nun mercado tan competitivo”.

Luisa Sánchez asegurou que “fomentar a cultura emprendedora é imprescindible ás vosas idades, polos coñecementos que vos aporta para desenvolvervos con máis soltura”, e por iso “avogamos por introducila no currículo oficial”. Neste sentido, a vicepresidenta da Deputación agradeceu os centros participantes “pola vosa implicación, e especialmente os que renovades ano a ano a vosa participación, con todo o traballo extra que dá e que se suma ao que xa tedes”.

Asistiron ao mercado os seguintes centros de Educación Secundaria, o IES Rodeira de Cangas do Morrazo (con 5 cooperativas), o IES Mestre Landín de Marín (1 cooperativa), o IES As Barxas de Moaña (1 cooperativa), o IES Pazo da Mercé das Neves (3 cooperativas) o IES Valle Inclán de Pontevedra (2 cooperativas), e desde Vigo o IES Coruxo (3 cooperativas) e o Colexio Mariano (con 4 cooperativas). Na modalidade de Educación Especial asistiron ACEESCA desde O Porriño, o CEE Pontevedra, o CEE Saladino Cortizo de Vigo e o CEE Vilagarcía de Arousa, cunha cooperativa cada un.

DepoEmprende ten como obxectivo fomentar o emprendemento e a cultura emprendedora nas aulas como motor de innovación da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. O programa está dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional, que crean e xestionan unha cooperativa na que fabrican e comercializan produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade doarase a accións sociais ou ás ONG que elixan por consenso.

Publicacións Relacionadas