A Festa da Rosa de Mos promociónase en Festur como un dos grandes referentes do turismo festivo galego

Redacción

A Festa da Rosa de Mos está presente estes días en Festur, a feira dedicada ás Festas de Interese Turístico de Galicia que se celebra no marco da 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, en Silleda.

A cita constitúe un dos principais espazos de promoción das celebracións máis representativas da comunidade autónoma, reunindo nesta edición un total de 66 festas recoñecidas oficialmente, o que converte a Festur nun importante punto de encontro para a difusión do patrimonio cultural, turístico e gastronómico galego.

No espazo dedicado ao Concello de Mos, os visitantes poden achegarse á historia e singularidade da Festa da Rosa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e convertida xa nun dos acontecementos máis emblemáticos do calendario festivo da provincia de Pontevedra.

Durante a presentación da festa proxectouse un vídeo resumo da edición celebrada o pasado ano, unha peza audiovisual que permitiu amosar aos asistentes o ambiente, a participación veciñal e os principais actos que cada ano converten a Festa da Rosa nunha celebración de referencia.

Ademais, coincidindo coa inauguración de Festur, ofreceuse aos asistentes unha degustación de empanada de millo e viño rosado, dous dos grandes protagonistas da programación da Festa da Rosa e exemplos da riqueza gastronómica vinculada a esta celebración.

A presenza en Festur permite ao Concello de Mos continuar difundindo a súa principal festa entre visitantes, profesionais do sector turístico, representantes institucionais e medios de comunicación procedentes de toda Galicia, reforzando a proxección exterior dun evento que combina tradición, cultura, gastronomía e identidade local.

A participación neste escaparate turístico serve tamén para poñer en valor algúns dos elementos máis característicos da celebración, como a tradicional exaltación da empanada de millo, así como a aposta polo viño rosado galego, que gaña protagonismo na programación deste ano.

A Festa da Rosa volverá reunir neste mes de xuño a milleiros de persoas arredor dunha celebración que representa unha das tradicións máis arraigadas do municipio e un dos seus principais sinais de identidade.

Comparte este artigo