HomeBaixo MiñoA GuardaA Festa Miudiña reúne a todo o alumnado guardés para despedir o...

A Festa Miudiña reúne a todo o alumnado guardés para despedir o curso

- Anuncio -spot_img
  • Esta festa para rematar o curso reuniu o ano pasado a máis de 700 nenos e nenas de todos os colexios da Guarda

A Guarda repite coa II Festa Miudiña tras o éxito da primeira edición do ano pasado. Esta II Festa Miudiña celebrarase o xoves 19 de xuño, tendo como escenario a fortaleza de Santa Cruz.

Todo o alumnado de Educación Primaria e Infantil dos colexios da Guarda, así como o do colexio de San Xerome, participarán nas diversas actividades e xogos que estarán espallados polo interior da fortaleza. O ano pasado reuníronse máis de 700 nenos e nenas durante esa mañá.

A partir das 9:30 da mañá, a rapazada irá chegando ao castelo de Santa Cruz, onde lles agardan todas diversas actividades. As diferentes clases irán rotando en quendas e tamén desfrutarán dunha pausa para a merenda.

Como novidade deste ano, contaremos con actuacións para amenizar o descanso da merenda. Para os máis pequenos, o alumnado de infantil, Os Jalochos traen o espectáculo “A Landra viaxeira e o amigo Lambón”. Nesta actuación Os Jalochos cantan, bailan e contan a historia de Landra e a súa viaxe por Galicia, acompañada do seu amigo Lambón.

Cunha folla de carballo que se transforma en camión, nun barquiño, nun paraugas, se precisan dun avión, Landra e Lambón coñecerán a novas amizades polo camiño. Respectar a natureza, viaxar por vilas e cidades, xogar co ritmo da música, aprender lingua de signos e cantar e bailar sen acougo, son parte das propostas que pon en valor este concerto para o divertimento das crianzas!

Para o alumnado de Primaria, o espectáculo estará a cargo de Jano Costas. Este será un espectáculo de humor en clave de clown orixinal, participativo e divertido. Jano mistura a destreza dos malabares a forza das acrobacias e un desenfreado inxenio.


Jano, un personaxe sen palabras, xoga coma un neno atrapado nos medos dunha persoa adulta; coa súa presenza amable e afable vainos presentando o seu peculiar xeito de entender a vida, un mundo que lle vai grande e no que quere encaixar atopando a xusta medida das cousas.

Trátase dunha actividade organizada pola OMIX do Concello da Guarda en colaboración con Alalá Sociedade Cooperativa, AGA Formación, Diviertt e A Esgalha.

Recordamos tamén que con motivo da Festa Miudiña, o acceso á fortaleza de Santa Cruz permanecerá pechada durante a mañá do 19 de xuño.

Publicacións Relacionadas