- Por primeira vez estes premios tamén recoñecerán ao estudantado do Conservatorio de Música Elemental da Guarda
O Concello da Guarda volve recoñecer este curso á excelencia e o esforzo académico do estudantado da Guarda cos Premios Educación 2024/2025.
O alumnado que rematou a Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional, tanto Media como Superior, cos mellores expedientes académicos recibirán un recoñecemento por parte do Concello en forma de diploma e agasallo.
Serán premiados alumnos e alumnas de todos os colexios da Guarda: o CEIP A Sangriña, o CEIP Rodríguez Sinde, CEIP As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo, o IES A Sangriña, o Colexio P.P. Somascos – Fundación Educere e o Colexio Plurilingüe San Xosé da Guarda. Ademais, nesta edición, premiarase alumnado do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, recoñecendo así a súa dedicación e esforzo ao estudo da música.
“Estes premios o que queren recoñecer, sobre todo, é o esforzo, tanto dos propios alumnos e alumnas, como das familias que os apoian e lles acompañan durante todo o curso”, sostén o alcalde da Guarda.
O acto de entrega de premios realizarase o próximo xoves 3 de xullo ás 20:30h no Centro Cultural, ao que está convidada toda a cidadanía para pór en valor o esforzo e talento da mocidade da nosa vila no ámbito educativo e académico.