A III Semana Grande de Soutomaior consolídase como unha das grandes citas festivas do verán en Galicia

Redacción

O Concello fai un balance moi positivo dunha edición marcada pola elevada participación, a ausencia de incidencias relevantes e o éxito dunha programación que combinou música, gastronomía e tradición durante sete días..

O Concello de Soutomaior fai un balance moi positivo da III Semana Grande, que ao longo dos sete días de programación, consolidándose como unha das principais citas festivas do verán na provincia de Pontevedra.

A terceira edición da Semana Grande volveu converter Soutomaior nun importante foco de atracción para milleiros de visitantes chegados de toda Galicia, cunha programación deseñada para todos os públicos que combinou música en directo, gastronomía, tradición, cultura popular e actividades familiares.

Os concertos das orquestras Bravú Xangai, Panorama, Kubo e París de Noia, xunto coa apertura das festas protagonizada pola Mekanika Rolling Band, rexistraron unha extraordinaria afluencia de público, especialmente no Torreiro da Feira da Dez, que durante as grandes actuacións acadou cheos absolutos.

A programación gastronómica tamén destacou pola elevada participación. O Día da Cociña de Soutomaior reuniu centos de persoas arredor do show cooking, das degustacións elaboradas por cociñeiras e cociñeiros do municipio e do tradicional xantar popular, reafirmando o compromiso do Concello coa promoción da gastronomía local como un dos sinais de identidade do municipio.

As celebracións tradicionais volveron ocupar un lugar destacado coa procesión na honra de San Salvador e coa Romaría de San Caetano, que reuniron a numerosos veciños e visitantes e puxeron en valor o patrimonio cultural e relixioso de Soutomaior.

O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que “esta terceira edición confirma que a Semana Grande xa é unha cita plenamente consolidada dentro do calendario festivo galego. Durante sete días Soutomaior converteuse nun espazo de encontro, convivencia e dinamización económica, cunha resposta extraordinaria tanto da veciñanza como das persoas que nos visitaron”.

O rexedor subliñou que “o éxito destas festas non se mide unicamente pola asistencia, senón tamén polo excelente ambiente que se viviu durante toda a semana. Miles de persoas gozaron da programación con responsabilidade e respecto, facendo posible unhas festas seguras, inclusivas e pensadas para todos os públicos”.

Manu Lourenzo quixo agradecer especialmente “o enorme traballo realizado polo persoal municipal, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, servizos sanitarios, equipos de limpeza, cuxa implicación foi fundamental para que toda a programación se desenvolvese con absoluta normalidade”.

O Concello destaca tamén o bo funcionamento das medidas postas en marcha para facilitar o acceso ás grandes actuacións, como o servizo gratuíto de autobús lanzadeira, así como a coordinación dos dispositivos de seguridade, mobilidade e limpeza, que permitiron compatibilizar a elevada afluencia de público co correcto desenvolvemento de todas as actividades.

A importante presenza de visitantes traduciuse tamén nun impacto positivo para o comercio local, a hostalaría e os establecementos do municipio, que rexistraron unha intensa actividade durante toda a semana.

Con este balance, o Concello de Soutomaior considera cumpridos os obxectivos marcados para esta terceira edición da Semana Grande: ofrecer unha programación de máxima calidade, dinamizar a economía local, reforzar a identidade cultural do municipio e consolidar unha cita que, ano tras ano, continúa medrando en participación e proxección.

O Goberno municipal xa traballa coa vista posta na cuarta edición, coa vontade de seguir fortalecendo unha celebración que se converteu nun dos grandes símbolos do verán en Soutomaior.

Comparte este artigo