A ludoteca de verán do concello de Portas ofrecerá durante xullo máis de trinta xornadas de actividades para a infancia

Redacción

Esta iniciativa do Concello para facilitar a conciliación familiar e laboral inclúe obradoiros, xogos saídas á praia fluvial de Lantaño, actividades acuáticas, unha excursión a Vilaboa e un festival de fin de mes

O Concello de Portas presenta a programación da Ludoteca de Verán correspondente ao mes de xullo, unha ampla proposta de actividades dirixida ás nenas e nenos participantes que combina lecer, aprendizaxe e convivencia a través dun programa variado pensado para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival.

A primeira parte da programación, realizada nos primeiros días do mes de xullo, estivo dedicado ao proxecto titulado “Localizando erros na historia: Exipto divertido”, con obradoiros como o Mural Exipto e Amuleto, o Sarcófago do faraón e amuleto, Taboleiro de Mehen, Xeroglíficos, Ollo de Horus, Circuíto do Nilo ou a elaboración de Animais sagrados e gato exipcio, ademais de xogos como Senet en movemento, Gran Xincana, Xogamos Mehen, Nubios vs Exipcios ou o reto “Lenda ou invento?”, entre outras propostas.

A segunda quincena, do 13 ao 31 de xullo, xirará arredor da temática “Sabías que? Inventos ibéricos abraiantes!”, cun programa que inclúe obradoiros de Papiros, Postal e guitarra española, Figura de Chupa Chups, Onogramas, Homenaxe ao futbolín, camisa de origami, Submarino de cartón, Photocall de buzo e astronauta, Construímos o noso propio invento, Museo de inventos e A fregona máxica de fantasía, ademais de xogos musicais, cooperativos, de coordinación, retos telefónicos, actividades científicas e diferentes dinámicas participativas.

Entre as citas máis destacadas figuran as xornadas na Praia Fluvial de Lantaño, previstas para os días 15 e 30 de xullo, nas que se desenvolverán xogos cooperativos e inclusivos. 

O programa inclúe tamén xogos de auga, así como a actividade científica “S.O.S. A Terra (subvencionado polo programa Ler conta moito da Xunta). Obradoiro Water”, prevista para o 14 de xullo, e o espectáculo de maxia “Risas Máxicas”, a cargo de Javier Muro, programado para o 20 de xullo eu que conta tamén cunha axuda da Xunta a través do Ler conta moito.

Outra das actividades máis esperadas será a de piragüismo e excursión ás Salinas de Vilaboa, o 21 de xullo, unha saída para a que o Concello solicita a máxima puntualidade na hora de partida desde o CPI Domingo Fontán, comunicándose previamente ás familias o horario definitivo.

A programación concluirá o 31 de xullo coa celebración do Festival Fin de Mes, que servirá como peche dunha intensa programación de actividades desenvolvidas ao longo de todo o verán.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, destacou que “esta programación busca ofrecer ás nenas e nenos un verán activo, divertido e enriquecedor, no que cada xornada combine aprendizaxe, creatividade e convivencia a través de propostas adaptadas á súa idade e aos seus intereses”. O rexedor subliñou que “a Ludoteca de Verán constitúe un servizo fundamental para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares, ao tempo que promove valores como o traballo en equipo, a inclusión, o respecto polo patrimonio, a ciencia, o deporte e o medio natural”.

Martínez agradeceu o traballo do persoal encargado da organización e animou ás familias “a desfrutar dunha programación elaborada con ilusión e na que cada día ofrece experiencias diferentes, desde obradoiros creativos e xogos ata saídas, actividades na natureza, ciencia, deporte e espectáculos, convertendo a Ludoteca de Verán nun espazo de encontro, aprendizaxe e diversión para a infancia do municipio”.

Comparte este artigo