HomePontevedraBaixo MiñoA música coral enche O Rosal nunha nova edición do concerto Ecos...

A música coral enche O Rosal nunha nova edición do concerto Ecos do Verán

- Anuncio -spot_img

A Coral Ecos do Folón celebra este sábado 14 o seu concerto estival acompañada da Coral Fogar de Breogán de Lira (Salvaterra de Miño) e da Coral Polifónica San Javier de Oviedo

Será as 20.30 h na Igrexa de Santa Mariña do Rosal con entrada de balde

O Rosal quenta voces para acoller a undécima edición do Concerto Coral Ecos do Verán, once anos nos que a rosaleira Ecos do Folón de Fornelos escolle a época estival para achegar a música coral a todos os públicos cun espectáculo único. A actuación será este sábado 14 de xuño ás 20.30 horas na Igrexa de Santa Mariña con entrada de balde, un concerto no que o público poderá desfrutar da música da coral rosaleira acompañada pola Coral Fogar de Breogán de Lira (Salvaterra de Miño) e da Coral Polifónica San Javier de Oviedo.

A Coral Polifónica ‘Ecos do Folón’ naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 3o voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito. Inscritos nos círculos culturais da Deputación de Pontevedra e na Federación Coral Galega, actúan en innumerables lugares dentro de fóra de Galicia.

Dirixida polo mestre e compositor Jorge Fernández González, o sábado a coral sorprenderá ao público cun repertorio que incluirá ‘Salió de Jamaica’, de Ricardo Lafuente con arranxos de Ángel Viro; ‘Una lágrima’ de Francisco Antonio Rey Rivero; ‘Yo no sé cómo quererte’, con música de Alsirio Fernández, letra de Jesús Fernández Dobarro e adaptación coral do propio Jorge Fernández; ‘Las espigadoras (La Rosal del Azafrán), de Jacinto Guerrero e ‘Eu teño un canciño’, unha canción popular con arranxos do director.

Pola súa banda, a Coral Fogar de Breogán de Lira colleu na súa curta vida unha grande experiencia subíndose aos máis variados escenarios. Compost por máis de 30 voces e dirixida por David González Sobrino, interpretarán nesta ocasión pezas como ‘Unha noite na eira do trigo’, ‘Enamorada del mar’, ‘Grandola Vila Morena’, ‘O voso galo comadre’ ou un popurri galego. Mentres, a Coral Polifónica San Javier de Oviedo nace no ano 2011 para levar o seu amplo repertorio a escenarios rexionais, nacionais e mesmo internacionais. Dirixida por José Miguel Lamalfa, este sábado interpretarán ‘Ni eres alta ni eres baja’, ‘Mocina, dame un besín’, ‘Axuntábense’, ‘Canteros de Covadonga’ e ‘El carbayón’.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneiras ou rancheiras ata valses, boleros ou zarzuela. “Este concerto enche cada ano o noso concello de cultura e convivencia. Eventos como os que organiza cada ano a Coral Ecos do Folón serven para reivindicar o poder transformador da cultura e para dar visibilidade ao traballo incansable das corais”, salientou a rexedora.

Publicacións Relacionadas