• O presidente da formación local, Rafa Domínguez, anunciou que Martínez asumirá as súas responsabilidades no Concello nos próximos días: “Será de gran valor para o equipo e, en definitiva, para a cidade”
• Raquel Martínez, doutora no Complexo Hospitalario de Pontevedra, mostrouse entusiasmada con este novo reto: “O meu compromiso sempre foi e seguirá sendo coa saúde e o benestar das persoas”.
O Partido Popular de Pontevedra anunciou a incorporación da doutora Raquel Martínez Lorenzo como nova concelleira do grupo municipal. Martínez Lorenzo asumirá as súas responsabilidades no Concello nos próximos días, tras unha reorganización interna levada a cabo polo presidente local, Rafa Domínguez.
Domínguez, líder do Partido Popular de Pontevedra, destacou a importancia desta nova incorporación: “Raquel Martínez Lorenzo é unha profesional recoñecida na nosa cidade e a súa experiencia no ámbito da saúde será de gran valor para o noso equipo. Estamos seguros de que o seu traballo no Concello contribuirá significativamente ao benestar de todos os pontevedreses”.
Pola súa banda, a doutora Martínez Lorenzo mostrouse entusiasmada con este novo reto: “É unha honra para min unirme ao grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra. O meu compromiso sempre foi e seguirá sendo coa saúde e o benestar das persoas, e agora, desde a miña nova responsabilidade como concelleira, poñerei todo o meu esforzo en mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.
Ademais, engadiu: “Estou profundamente agradecida pola confianza depositada en min e espero poder achegar unha perspectiva diferente e construtiva á política municipal, sempre pensando no futuro de Pontevedra e dos seus cidadáns”.
Raquel Martínez Lorenzo naceu en Pontevedra en 1976. É pediatra no Complexo Hospitalario de Pontevedra, onde traballou durante varios anos, gañándose o respecto e a admiración dos seus colegas e pacientes. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2000, especializouse en Pediatría. Ademais do seu labor no hospital, é vocal de medicina hospitalaria do Colexio Médico de Pontevedra e vogal por Pontevedra da Sociedade Galega de Pediatría (SOPEGA), onde contribuíu de maneira significativa ao desenvolvemento da práctica médica na comunidade. Recentemente recibiu un premio a nivel nacional á sustentabilidade da UCI neonatal onde desempeña o seu traballo. A súa traxectoria profesional e a súa vocación polo servizo público convértena nunha figura ideal para asumir o rol de concelleira no Concello de Pontevedra.

