• O Concello de Cuntis convértese no segundo municipio da comarca do Umia en adherirse á iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública
• O Programa de Detención de Condutas Adictivas, con sede no polígono da Ran, desenvolve estas semanas, para conmemorar o Día Mundial, varias iniciativas en favor de hábitos saudables e da redución do consumo de tabaco, especialmente entre a xente moza
O parque infantil situado na Praza da Constitución, un dos emprazamentos máis emblemáticos do núcleo de Cuntis, forma parte desde hai uns días da Rede de Parques sen Fume. O Concello adheriuse a esta iniciativa, que está impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia e que ten coma obxectivo animar a reducir o consumo de tabaco entre a poboación, especialmente entre a xente moza. Deste xeito, esta área infantil é a segunda da comarca do Umia que se sumna a esta rede, xunto ao parque municipal de Santa María, en Moraña.
O alcalde, Manuel Campos, explica que nestes días se procedeu a instalar o panel informativo correspondente na entrada do parque, que, tal e como lembrou, “é unha zona de xogo habitual para moitos cativos e cativas e punto de encontro habitual para a veciñanza de Cuntis”. A acción de pasar a formar parteda Rede de Parques sen Fume súmase á batería de iniciativas que se desde o Programa de Detención de Condutas Adictivas, cuxa sede está no Centro de Formación Ocupaciónal do Polígono da Ran, se están desenvolvendo en diferentes concellos para conmemorar o Día Mundial Sen Tabaco, que tivo lugar o pasado 31 de maio. Cómpre lembrar que ao abeiro deste programa lévanse a cabo actividades non só en Cuntis, senón tamén noutros concellos da periferia, como é o caso de Moraña, Portas, Barro e Campo Lameiro. Precisamente, nesta semana se están a desenvolver xornadas informativas sobre tratamentos efectivos para deixar de fumar. No caso de Cuntis, hoxe martes, ás 20.00 horas, na Biblioteca Pública Roberto Blanco Torres, terá lugar esta charla. Portas xa a realizou o luns e nos vindeiros días será a quenda de Barro, Moraña e Campo Lameiro. Ademais, ao longo de todo o curso a través deste proxecto con sede na Ran desenvolvéronse obradoiros sobre tabaquismo, dirixidos ao alumnado de 6º de Primaria e de ESO. A maiores, ofrécese un servizo de asesoramento psicolóxico para deixar de fumar. As persoas interesadas en obter máis información poden facelo chamando ao número de teléfono 986592222 ou enviando un correo electrónico á dirección prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es .
Manuel Campos incide na importancia que ten o feito de sumarse a iniciativas que axuden a disminuir de xeito drástico o consumo de tabaco entre a poboación. “No Concello apostamos polos hábitos saudables e defendemos o incremento de espazos que estean libres de fume, como queremos que sexa no caso da Praza da Constitución”, sinalou o alcalde.

