Marga Caldas solicita ao alcalde que acondicione e limpe todos os espazos públicos da parroquia “porque están totalmente abandonados”
O BNG de Poio vén de conseguir que o goberno de Moldes aprobe no Pleno a construción dun novo parque infantil en Samieira. Marga Caldas subliña que foi a presión do Bloque, que presentou unha moción esixindo o novo equipamento, o que obrigou ao equipo de goberno a facerse cargo do compromiso que adquirira durante a campaña electoral e que, tras case dous anos na Alcaldía, seguía desatendido. A voceira nacionalista solicitou ao Partido Popular, ademais, que acondicione e limpe todos os espazos públicos da parroquia (parques, estradas, lavadoiros…), xa que están totalmente abandonados e cheos de maleza. “Agardamos que o compromiso adquirido no Pleno non só quede en palabras e que realmente Moldes atenda dunha vez á veciñanza de Samieira”, advirte Caldas.
O BNG solicitou no Pleno que o Concello constrúa en Samieira unha zona de xogos homologada e accesible e de tamaño e equipamentos axeitados para a veciñanza da parroquia, e que se promova un proceso de consulta pública para que as veciñas e veciños contribúan a decidir a localización máis axeitada así como os elementos a incorporar na nova área de esparexemento.
Caldas lembrou que o anterior goberno local liderado polo BNG investiu máis dun millón de euros no pasado mandato en Samieira para construír unha senda peonil, recuperar a zona verde a carón do río e humanizar a zona do Arén. Subliñou que na contorna hai espazos naturais que poderían reconverterse nun espazo de lecer como o solicitado, polo que instou ao goberno local a poñerse mans á obra, redactar un proxecto e executalo canto antes.
A voceira do Bloque obrigou ao PP a facer memoria e subliñou que, estando Moldes na oposición, reclamaba continuamente o novo parque infantil, que tamén prometeu durante a campaña electoral de 2023. Caldas afeou ao alcalde que, a pesares da preocupación do Partido Popular de Poio na súa etapa na oposición, o goberno municipal non fixera ningunha xestión durante os dous anos do presente mandato para darlle cumprimento.
Así mesmo, Caldas subliñou que, ademais de construír o novo parque infantil, Moldes debe atender o mantemento e limpeza de todos e cada un dos parques e dos demais espazos públicos da zona. No Pleno amosou fotografías dos problemas existentes en estradas, lavadoiros e outras localizacións e instou ao alcalde a poñerse mans á obra para solucionalos. “No tempo que levan no goberno só se dedicaron a destruír o que nós fixemos no goberno. Non hai ningunha instalación en bo estado nin preparada para o uso da veciñanza”, denunciou a voceira do Bloque.
Problemas coa documentación do Pleno
Por outra parte, Caldas criticou que Moldes mantivera o Pleno de onte toda vez que o apagamento xeral impediu á oposición ter acceso á documentación e aos expedientes dos puntos que se trataron na orde do día durante o tempo necesario. O BNG subliñou que evitou pedir a impugnación do Pleno ou trasladalo a outra xornada polo custe que iso suporía, pero Caldas puxo en evidencia a falta de transparencia e de lealdade do goberno do PP para coa oposición.