A secretaria xeral da Agrupación Socialista de Catoira, Paula García Pérez, mantivo nos últimos días unha reunión de traballo co secretario provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, para abordar a situación da formación socialista no municipio e facer unha revisión detallada da actualidade local e do labor de oposición que se está a desenvolver.
Durante o encontro, Paula García trasladoulle a Regades as dificultades crecientes que a agrupación atopa para exercer a súa función fiscalizadora debido á falla de transparencia que, segundo explicou, caracteriza a xestión do actual alcalde nacionalista, Xoán Castaño. A secretaria xeral denunciou que o goberno local mantén unha dinámica de opacidade, retrasos na entrega de documentación e falta de acceso á información pública, o que dificulta o control democrático da acción municipal e limita o dereito da cidadanía a estar informada.
Pola súa parte, David Regades recoñeceu o traballo constante, serio e rigoroso que está a desenvolver o PSdeG-PSOE de Catoira, subliñando que a agrupación está a garantir que a veciñanza poida coñecer “as diferentes realidades que o goberno local tenta agochar”. Regades destacou que o labor socialista está a ser clave para poñer luz sobre cuestións que afectan directamente ao día a día da cidadanía e para defender un modelo de xestión baseado na responsabilidade, a transparencia e o interese xeral.
Ambos coincidiron en que Catoira precisa un goberno que renda contas, que respecte os procedementos administrativos e que non converta a institución nun espazo opaco e inaccesible. A dirección provincial comprometeuse a reforzar o apoio á agrupación local para continuar defendendo os dereitos da veciñanza e esixindo ao alcalde nacionalista que cumpra coas súas obrigas de transparencia e bo goberno.
A Agrupación Socialista de Catoira reafirma así o seu compromiso cunha oposición vixiante, construtiva e firme, que poña sempre por diante os intereses do municipio e da súa xente.

