A festa continua esta noite co espectáculo e o directo dunha das mellores orquestras de España, La Misión. Dende o concello porán, de balde, un servizo de bus lanzadeira, tanto hoxe luns 5 como mañá martes 6, dende a rotonda da Montesiña ata a Candán en horario de 21:30 h. a 23:30h. e de 00:00 h. a 2:30 h.
A fin de semana da I Semana Grande de Soutomaior viviuse con intensidade, participación e alegría. Deste xeito na xornada do domingo festexaron o Día da cociña de Soutomaior. Unha xornada onde se lle rendeu homenaxe as cociñeiras e cociñeiros do concello. Para isto os mestres gastronómicos de Soutomaior: Joaquín Lema, Suso Falcón, Luciano Falcón, Rebeca Moares e Luís Martínez ofreceron na xornada do domingo un exquisitos petiscos, de balde, para toda a veciñanza.
Deste modo puidemos desfrutar do showcooking e preparación destes petiscos: langostino macedaro en soia, con tomate, guacamole e caviar de troita; mexillón escabechado coa súa emulsión e cebola cruxinte e gazpacho con berberechos ao vapor e costróns de pan torrado.
O alcalde, Manu Lourenzo, dixo que “a Semana Grande de Soutomaior é grande porque recoñece a importancia da labor realizada polas persoas que coa cociña levaron a Soutomaior polo mundo e a quenes día a día dan de comer e beber facendo concello. Afianza o talento e a iniciativa local, promociona e apoia ao comercio e hostalaría local, dinamiza a participación e unión veciñal e promove espazos seguros de lecer e entretemento”.
Unha xornada onde ademais tamén desfrutamos do Mercado da Asociación de empresarias e empresarios de Arcade e de Soutomaior. E onde se viviu un xantar popular de unión entre as asociacións e a veciñanza do concello que reuniu a máis de 300 comensais, que por un prezo de 15 euros por persoa, puideron desfrutar do menú que consistiu en empanada, carne ao caldeiro, sobremesas e bebidas. Tralo xantar chegou a quenda da actuación de Cantanascroas que coa súa música tradicional conseguiu facer bailar e desfrutar dunha xornada de encontro entre as veciñas e veciños de Soutomaior.
NOVIDADE
Para facilitar o acceso e chegada ao Torreiro da Feira do Dez na Candán dende o concello de Soutomaior facilitarán hoxe, luns 5 de agosto, e mañá, 6 de agosto, un servizo de autobús lanzadeira que irá dende a rotonda da Montesiña ata a Candán en horario de 21:30 a 23:30 h. e de 00:00 a 2:30 h. O percorrido do bus será continuo de ida e volta nos horarios indicados.
PROGRAMACIÓN
Hoxe, luns 5 de agosto, chegarán as verbenas a esta festa coa presenza dunha das cinco mellores orquestras de España, con La Misión, que actuará a partir das 22:30 h. no Torreiro da Feira do Dez en Candán, ás 00:15 h. terá lugar o espectáculo Pirotécnico de luces. Será este, sen dúbida, un dos días grandes da festa.
Mañá, martes 6 de agosto, Día do Patrón e festivo local en Soutomaior, haberá sesión vermú con `Balbuena & Seoane´ na contorna da Igrexa do Divino Salvador, xa pola tarde, trala procesión, concerto da banda Artística de Arcade ás 20:30 h., e verbena co directo da orquestra Cinema no Torreiro do dez en Candán.
Xa na xornada do mércores 7 se despiden estas festas coa Romaría de San Caetano e cunha sesión vermú na Ermida de San Caetano no Castelo de Soutomaior.

