A xornada arrancou cunha concorrida sesión vermú e un exitoso show cooking que puxo en valor a gastronomía local. A continuación celebrouse o tradicional Xantar Popular e, xa pola tarde, o divertimento e a alegría chegarán da man da actuación do Dúo A Visión.
A Semana Grande de Soutomaior viviu este domingo unha das súas citas máis especiais coa celebración do Día da Cociña de Soutomaior, unha xornada dedicada a recoñecer o talento dos cociñeiros e cociñeiras do municipio e a poñer en valor a riqueza da gastronomía local.
A mañá comezou coa sesión vermú amenizada por Biversión, que congregou a numeroso público. A continuación celebrouse o tradicional show cooking, no que cociñeiros e cociñeiras de Soutomaior, Joaquín Lema, Suso Falcón, Luciano Falcón, Rebeca Moares, Luís Martínez, Martín Pérez lago e Antón Fontenla, ofreceron nesta xornada do domingo un exquisitos petiscos, de balde, para toda a veciñanza. As persoas asistentes puideron degustar petiscos como figo recheo de queixo e filete de anchoa, culler de aguacate cremoso, salmón afumado e caviar de arenque, barquiño crocante de gamba con tártara de lagostinos ou salmorexo de tomate con pocadas de ovo, nunha mostra que combinou creatividade, produto de proximidade e tradición.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “esta xornada é un recoñecemento ás cociñeiras e aos cociñeiros de Soutomaior, profesionais que levan o nome do noso concello alí onde van e que representan o talento, a calidade e a tradición da nosa gastronomía”. Ademais, sinalou que “a Semana Grande é un espazo para facer comunidade, apoiar o talento local e seguir fortalecendo unha programación pensada para todas as idades”.
A programación continuou no Xantar Popular, protagonizado por centos de persoas arredor da mesa, e coa actuación do Dúo A Visión, encargada de poñer música e baile ao peche da xornada.
A programación seguirá o luns 3 de agosto coa actuación da orquestra Panorama, seguida da Discomóbil La Mega CDC. O mércores 5 será a quenda da orquestra Kubo, que dará paso á Discomóbil Dolce Vita. O xoves 6, Día de San Salvador, celebrarase a tradicional misa e procesión acompañada pola Banda de Música Artística de Arcade e, finalmente, a Semana Grande de Soutomaior despedirase o venres 7 de agosto cunha sesión vermú a cargo de Aires da Castrelada, antes da gran verbena final coa orquestra París de Noia e a Discomóbil Eme Music.
Co obxectivo de facilitar os desprazamentos e favorecer unha mobilidade máis cómoda e segura durante as festas, o Concello de Soutomaior manterá un servizo gratuíto de autobús lanzadeira nas noites do luns 3, mércores 5 e venres 7 de agosto, coincidindo coas grandes verbenas. O autobús realizará un percorrido continuo entre o Pavillón da Montesiña “Alfonso Pazos” e o Torreiro da Feira da Devesa (Candán), en horario de 21:30 a 23:30 horas e de 00:00 a 03:00 horas, facilitando así o acceso ao recinto festivo e promovendo uns desprazamentos máis seguros.

