A sentenza que invalida o orzamento de 2025 deixa ao alcalde “sen autoridade moral nin política” para seguir á fronte do Concello de Catoira

Redacción

O PSdeG esixe a dimisión inmediata de Xoán Castaño e que o BNG o cese de militancia pola súa incompetencia institucional

O PSdeG‑PSOE de Catoira considera que a sentenza nº 00218/2026 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anula os Orzamentos Municipais de 2025 por seren nulos de pleno dereito, vén confirmar exactamente o que o grupo socialista levaba meses advertindo: que as contas aprobadas polo alcalde Xoán Castaño non eran válidas, incumprían trámites esenciais e vulneraban a normativa estatal. Para o PSdeG‑PSOE, este fallo desmonta definitivamente o relato do goberno local e deixa ao alcalde sen autoridade moral nin política para continuar á fronte do Concello, ao evidenciar unha forma de actuar incompatible coa responsabilidade institucional que o cargo esixe.

A resolución, ditada o 10 de xuño, é taxativa ao sinalar que o goberno municipal aprobou o orzamento sen solicitar o informe previo e vinculante do Ministerio de Facenda, un requisito imprescindible para os concellos adheridos ao Fondo de Ordenación. O Tribunal lembra que o orzamento é unha disposición normativa e que a súa aprobación vulnerando normas de rango legal implica automaticamente a súa nulidade de pleno dereito. A isto súmase que a Secretaría-Intervención xa advertira de maneira clara e reiterada das irregularidades do proxecto, advertencias que o alcalde decidiu ignorar mentres mentía abertamente á veciñanza, asegurando que contaba cun informe favorable cando sabía que a realidade era exactamente a contraria.

A sentenza obriga agora ao Concello a tramitar de novo todo o orzamento e a facelo cun superávit equivalente ao déficit da liquidación de 2024, que ascende a –359.341,42 euros, unha cifra que evidencia a situación económica real do municipio e que desmonta o discurso oficial do goberno. Ademais, o Concello é condenado ao pago das custas procesuais ata un máximo de 1.500 euros, ás que se suma a minuta do letrado que defendeu ao alcalde neste proceso, un gasto que non debe recaer sobre o erario público.

Por todo isto, o PSdeG‑PSOE pide a dimisión inmediata de Xoán Castaño e esixe ao BNG que proceda ao seu cese de militancia e que lle obrigue a asumir do seu propio peto tanto as costas procesais como os honorarios do avogado que o representou, pois é o

alcalde quen debe responder polas consecuencias da súa actuación ilegal, e non a veciñanza de Catoira.

Para o grupo socialista, o que revela esta sentenza non é un simple erro administrativo, senón unha maneira de gobernar baseada na improvisación, na falta de rigor e no desprezo polos procedementos legais máis básicos. O alcalde comprometeu a estabilidade económica e institucional do Concello e a súa continuidade no cargo só contribuiría a profundar a crise de confianza que agora certifica o TSXG. Catoira merece un goberno serio, solvente e respectuoso coa legalidade, e non un executivo que aproba orzamentos ilegais, oculta información e mente á cidadanía.

O PSdeG-PSOE teme, ademais, que esta non será a última resolución xudicial sobre a xestión económica do alcalde. Os socialistas están convencidos de que en breve se emitirá unha sentenza similar relativa ao orzamento de 2024, tamén impugnado polo grupo municipal, e que presenta irregularidades de idéntica gravidade ás agora confirmadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Comparte este artigo