HomePontevedraBaixo MiñoA transformación do campo de fútbol da Mata continúa coa licitación da...

A transformación do campo de fútbol da Mata continúa coa licitación da segunda fase das obras

- Anuncio -spot_img

O proxecto consolidará a modernización das instalacións deportivas cunha mellora integral e sostible con custo cero para o Concello

O Goberno municipal xa está a traballar no proxecto de mellora das pistas de atletismo, empregadas dende 2019 por persoas, asociacións e entidades de todo o Baixo Miño

O Rosal camiña con paso firme cara a transformación integral do campo de fútbol da Mata. O Concello comeza a segunda fase deste ambicioso proxecto de modernización destas instalacións deportivas municipais coa licitación da segunda fase das obras, que suporán un novo salto cara á excelencia e a sostibilidade a custo cero para O Rosal grazas á capacidade do Goberno municipal para captar fondos externos.

Cun investimento de máis de 265.000 euros, esta segunda fase contempla a incorporación de sistemas de domótica para xestionar de forma eficiente os recursos, pechaduras dixitais con acceso mediante tarxetas electrónicas, un novo control de acceso para o público, unha pantalla LED como videomarcador, melloras no illamento térmico e actuacións clave en accesibilidade universal, como novos accesos ao campo, aseos adaptados, gradas accesibles ou sinalización cognitiva, entre outras actuacións. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 19 de xuño.

Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “conseguimos financiar o 100% os 600.000 euros de investimento total destas dúas fases de obras de mellora grazas á capacidade do Goberno municipal de xestión e captación de fondos europeos e doutras administracións. Celebramos os 75 anos de historia do fútbol no Rosal transformando estas instalacións nun referente para a saúde, o benestar e o futuro da nosa canteira e de todas as persoas que empregan o campo da Mata”.

Nos últimos catro anos o Concello logrou captar fondos europeos a través do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para instalacións que fomenten un turismo deportivo sostible e a través da Xunta de Galicia cunha subvención dirixida a proxectos de máis de 500.000 euros. Antes destas obras, o Goberno municipal xa acometera unha reforma dos vestiarios con criterios de accesibilidade e sostibilidade e cambiou a caldeira, o que supuxo un investimento de máis de 150.000 euros cofinanciados con fondos propios e fondos externos.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou a aposta decidida do Concello polo deporte a todos os niveis. “O Rosal está demostrando que é posible impulsar o deporte base, o deporte profesional e o turismo deportivo con compromiso, coherencia e bo facer. A tranformación da Mata é unha mostra máis de que o deporte e as e os deportistas son unha prioridade para nós”, recalcou.

O seguinte paso, as pistas de atletismo

O Concello continúa traballando así na posta en marcha dunhas instalacións pioneiras en España en sostibilidade coas que se busca potenciar as actividades deportivas, tanto para o deporte profesional como para o deporte de base, liderado pola UD Ribera, cunha importante canteira nas escolas deportivas. Pero a transformación das instalacións da Mata non rematan aquí, xa que o Concello está xa a traballar no proxecto de renovación das pistas de atletismo, empregadas dende hai seis anos por persoas, asociacións e entidades de toda a comarca do Baixo Miño.

Pechadas ao público e sen uso antes do 2019, coa entrada do actual Goberno municipal a pista de atletismo pasou a empregarse como lugar de adestramento para deportistas da Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia. O Concello xa está a redactar o proxecto de renovación e a traballar na captación de fondos para o elevado investimento que supón o cambio e mellora destas pistas. Durante o encontro mantido co Secretario Xeral para o Deporte e na visita ás instalacións da Mata que se realizou recentemente, o Goberno municipal xa trasladou esta necesidade das e dos atletas comarcais á Xunta e tamén a súa predisposición a colaborar coa administración autonómica na transformación destas pistas.

Publicacións Relacionadas