A asociación Ghorghalado ultima os preparativos dunha nova edición da Mostra, que converterá San Xoán de Tabagón no epicentro da curtametraxe do 5 ao 9 de agosto coa colaboración do Concello do Rosal
O certame consolídase como un referente cultural do Baixo Miño tras recibir nesta edición 1.147 curtametraxes procedentes de máis de trinta países
A conta atrás para a VI Mostra de Cinema do Rosal xa está en marcha. A asociación Ghorghalado ultima os preparativos da sexta edición dun certame que, coa colaboración do Concello do Rosal, volverá converter a Praza do Maio, en San Xoán de Tabagón, nun punto de encontro para amantes da curtametraxe, profesionais do audiovisual e o seu público máis fiel, entre os días 5 e 9 de agosto.
Consolidada como unha das grandes citas culturais do verán no Baixo Miño, a Mostra continúa medrando edición tras edición. Nesta convocatoria recibíronse 1.147 curtametraxes procedentes de máis de trinta países, das que o comité de selección escolleu 50 para formar parte da selección oficial e, finalmente, 32 competirán na fase final, distribuídas en catro sesións de oito obras cada unha.
A programación arrancará o mércores 5 de agosto ás 20.00 horas, coa presentación oficial da Mostra e coa actuación de Lítore Quartet, antes do inicio das proxeccións ás 22.00 horas. Ao longo das diferentes xornadas, sempre que sexa posible, as sesións contarán coa presenza de integrantes dos equipos das curtametraxes, que compartirán co público detalles sobre o proceso creativo e a produción das obras. Ademais, a organización volverá crear un ambiente pensado para o encontro entre público e cineastas, con servizo de cantina, chocolate quente durante as proxeccións e a tradicional queimada como peche da xornada do sábado.
A Mostra culminará o domingo 9 de agosto coa gala de entrega de premios, que terá lugar nos xardíns do Concello do Rosal. Ademais do Premio do Público, decidido mediante as votacións das persoas asistentes, o xurado outorgará os galardóns á mellor curtametraxe, mellor interpretación, mellor guión, mellor fotografía, mellor curtametraxe de temática social e mellor curtametraxe de temática rural. Durante cada unha das sesións tamén se realizará un sorteo entre o público participante nas votacións.
Impulsada pola asociación Ghorghalado coa colaboración do Concello do Rosal, a Mostra de Cinema consolídase ano tras ano como un espazo de encontro arredor da creación audiovisual contemporánea. Un proxecto cultural que contribúe a achegar a curtametraxe á cidadanía, promove o talento emerxente e reforza a aposta do municipio por unha programación cultural diversa, participativa e de calidade.

