A Virxe da Roca nos atardeceres de Baiona

adminON

Este primeiro luns de agosto comeza cunha dos roteiros máis esperados. Trátase dunha visita ao coñecido monumento granítico baionés da Virxe da Roca. Durante o atardecer, repasarase o contexto histórico de finais do século XIX e principios do XX.

Descubrir como se desenvolveu o proxecto da Virxe da Roca, ou o do tranvía no Val Miñor, a chegada da luz eléctrica ou a construción do primeiro balneario de talasoterapia no municipio, serán algúns dos temas que tratará Patricia Muñoz.

Guíaa intérprete do patrimonio, que xa dirixiu o roteiro sobre Santa Marta e Sir Drake, recorrerá ás anécdotas de personaxes tan relevantes como Mercedes Ruiz da Escaleira, promotora do monumento e filántropa, o enxeñeiro e empresario Laureano Salgado, ou o arquitecto artífice do Virxe-Miradoiro, Antonio Palacios. A visita partirá da estatua Martín Alonso Pinzón, como punto de encontro, ás 20.15h., dando así continuidade ao calendario de roteiros culturais “Entre Lusco e Fusco”.

O acceso é libre e gratuíto para todas as persoas que desexen gozar de ambas as actividades pero as prazas son limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa na propia Casa da Navegación de Baiona, a través do teléfono 986356688 ou do correo electrónico casa.navegacion@baiona.gal

Comparte este artigo