HomePontevedraA Xunta promove a lingua entre a mocidade de Castela e León...

A Xunta promove a lingua entre a mocidade de Castela e León con estadías en campamentos galegos

- Anuncio -spot_img
  • As accións formativas e de lecer enmárcanse no programa de promoción do galego nos territorios leoneses limítrofes con Galicia
  • A iniciativa, a piques de cumprir dúas décadas, conta con actividades que unen cultura, identidade e ocio en contornas privilexiadas
  • López Campos destaca neste senso que “a proxección exterior do idioma é unha das liñas estratéxicas da renovación do Plan xeral de normalización”
  • Incide en que “se mestura o compromiso lingüístico coa aposta por unha xuventude activa”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou esta mañá o alumnado de primaria dos centros do Bierzo que participan nunha nova edición das estadías organizadas no marco do Programa de promoción do galego desenvolvido polo Goberno de Castela e León e a Xunta de Galicia nos territorios limítrofes coa Comunidade.

Así, a actividade, que ten lugar no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, reúne esta semana a 70 rapaces e rapazas que cursan lingua galega como parte do convenio vixente desde 2006 entre o Executivo galego e o castelán leonés. Esta proposta extraescolar, complementaria ás horas lectivas, impulsa a convivencia durante dous días nunha contorna natural privilexiada, onde os participantes gozan dun tempo de lecer, formación e dinamización cultural coa lingua galega como vehículo de expresión, aprendizaxe e relación.

Neste senso, o representante da  Xunta puxo en valor o traballo feito desde o Goberno galego ao abeiro do Pacto pola lingua “co obxectivo de impulsar e prestixiar o uso da galego en todos os ámbitos da sociedade e entre todos os grupos de idade, especialmente a xuventude”. Neste contexto, fixo referencia á proxección exterior da lingua galega noutras zonas nas que se fala ou existe un alto grao de comprensión, como é o caso das áreas limítrofes con Galicia ou mesmo en Europa e América. “É unha das liñas estratéxicas que se están a abordar nas mesas de traballo creadas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega”, puntualizou.

Tal e como lembrou, ademais destas accións, no marco deste proceso tamén se está a desenvolver un paquete de medidas inmediatas que inclúen actividades formativas para colectivos específicos como o da sanidade, a xustiza, a mocidade ou para persoas provenientes do exterior e asentadas en Galicia. Ou a creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos.

Así mesmo, López Campos puxo en valor o carácter estratéxico deste tipo de iniciativas nas que, explicou, “se mestura o compromiso lingüístico coa aposta por unha mocidade activa, conectada e con sentimento de pertenza”. “Aquí vemos como o galego medra e se expande máis aló das súas fronteiras. Estes rapaces viven en galego unha experiencia totalmente inmersiva do mesmo xeito que os neofalantes chegados de outros territorios a Galicia”, destacou.

O titular de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu, ademais, en que as instalacións xuvenís da Xunta, como o albergue das Sinas, son “espazos públicos ao servizo da mocidade, do seu benestar e do seu desenvolvemento integral”. Neste senso, desde o seu departamento, segundo apuntou, segue a consolidarse un modelo de acción baseado na formación non formal, na participación activa e na creación de experiencias significativas arredor da lingua e da identidade galega.

A programación da estadía inclúe actividades deportivas como caiac, tiro con arco ou paddle surf, así como dinámicas de grupo, xogos tradicionais, visitas culturais e unha velada específica arredor da lingua galega. O obxectivo, ademais de fomentar o uso do idioma, é construír vínculos entre o alumnado galegofalante e neofalante, fortalecendo a convivencia e o respecto á diversidade cultural dentro do espazo común da lingua.

A proxección da lingua nos territorios limítrofes

O Programa de promoción do galego nos territorios de Castela e León limítrofes con Galicia consolídase chegando neste curso 2024/2025 ás 1.166 persoas matriculadas, afianzando así o compromiso do Goberno autonómico co impulso da lingua máis alá das fronteiras da Comunidade.

Neste senso, cómpre lembrar que se trata dunha iniciativa do Goberno leonés apoiada pola Xunta de Galicia ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego, de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria no Bierzo e en Sanabria. Deste xeito, este ano participan nesta formación 14 centros de Educación Infantil e Primaria, que suman 969 alumnos, catro Institutos de Secundaria, con 162 estudantes, e unha Escola de Idiomas na que se contabilizan 35 persoas.

Publicacións Relacionadas