A Xuntanza Veciñal de Torroso rende homenaxe ás comisións das festas da Virxe das Dores e de San Mamede

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou onte na xornada de convivencia organizada polas entidades da parroquia, que reuniu centos de veciños e veciñas arredor dunha completa programación.

A Xuntanza Veciñal de Torroso volveu converterse o domingo nun punto de encontro para a veciñanza da parroquia, nunha xornada marcada pola convivencia, a participación e o recoñecemento ao traballo desinteresado de quen contribúe a manter vivas as tradicións locais.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou aos asistentes nesta cita organizada pola Comunidade de Montes de Torroso, a Asociación de Veciños de Torroso, o C.C. Abrente, a Comisión das Dores, a Comisión de San Mamede e o C.R.C.V. Torroso, coa colaboración do Concello de Mos.

A programación comezou cunha andaina popular, seguida das actuacións da Charanga Sacacorchos, Turre’s Band, o grupo de gaitas Son do Abrente, Antonio Barros e Ialma, ademais da proxección da película “Rondallas”. Durante toda a xornada tamén houbo actividades para a cativada e o tradicional xantar veciñal.

Un dos momentos máis emotivos foi a homenaxe ás comisións das festas da Virxe das Dores e de San Mamede, en recoñecemento ao seu compromiso coa organización das celebracións e coa vida social da parroquia.

No caso da Comisión da Virxe das Dores de Torroso, as persoas homenaxeadas foron Ofelia Lago, Carmen Romero, M.ª Elena Pérez, M.ª Luz Alonso, Dionisia Andrés, Inés Leiros, Dolores Blanco, Tania Maus, Lucía Giráldez, Carmen Costas, Esmeralda Cabaleiro, Óscar Mariño, Eduardo Mariño e Iago Maus.

Pola súa banda, pola Comisión de Festas de San Mamede de Torroso, recibiron este recoñecemento Demetrio Taibo, Iván Areal, Laura Loureiro, Daniel González, Santiago Loureiro, Jaime Pereira, Alberto Méndez, José R. Lago, Manuel Parada e Óscar García.

A alcaldesa destacou o valor do traballo voluntario que desenvolven estas comisións, subliñando que “as festas son posibles grazas á implicación de moitas persoas que dedican tempo e esforzo de maneira totalmente altruísta para manter vivas as tradicións e fortalecer a convivencia nas nosas parroquias”.

O Concello de Mos felicita ás entidades organizadoras polo éxito dunha nova edición da Xuntanza Veciñal e agradece o labor de tódalas as persoas voluntarias que, co seu compromiso, fan posible celebrar iniciativas que reforzan o tecido asociativo no municipio.

Comparte este artigo