HomePontevedraBaixo MiñoAbre o prazo de inscrición dos campamentos Concilia Verán do Concello de...

Abre o prazo de inscrición dos campamentos Concilia Verán do Concello de Oia

- Anuncio -spot_img

O Concello de Oia organiza nos meses de xullo e agosto os campamentos Concilia Verán 2025. A iniciativa vai destinada a nenos e nenas de entre os 3 e os 12 anos e se desenvolverá nos CEIP de Refoxos e Mestre Manuel García. A inscrición pode facerse desde hoxe a través do rexistro do Concello de Oia.

A actividade ten por obxectivo ofrecer unha alternativa lúdica, deportiva e educativa á rapazada; ao mesmo tempo que se achega unha opción para que pais, nais e persoas titoras podan conciliar a vida familiar e laboral. Para a realización desta actividade o Concello de Oia solicitou financiamento á Deputación de Pontevedra a través das subvencións para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero dirixidas a municipios de menos de 20.000 habitantes.

Os campamentos Concilia Verán 2025 celebraranse nos dous centros educativos do municipio e ofertarán un total de 78 prazas (28 para o campamento do CEIP de Refoxos e 50 no do CEIP Mestre Manuel García). Terán lugar durante os meses de xullo e agosto en horario de 9.00 a 14.00 horas. No caso concreto de agosto, só se celebrará si se acada un mínimo de 12 participantes en cada un dos campamentos.

Poderán participar na actividade os nenos/as e mozos/as de entre os 3 e os 12 anos empadroados no Concello de Oia (os nenos/as de 3 anos deberán ter autonomía no uso do baño e non precisar de cueiro durante o campamento). No caso de que sobrasen prazas, poderán participar menores empadroados noutros municipios.

Os prezos públicos establecidos por participante serán de 100 euros o mes completo e de 70 euros a quincena. No caso de que a mesma familia teña dous ou máis nenos no campamento, a tarifa do segundo e seguintes nenas/os terá unha bonificación do 25%.

A información do campamento e os documentos a entregar poden descargarse na Sede Electrónica (https://oia.sedelectronica.es/info.0)   ou recollerse en formato físico no Rexistro do Concello de Oia (de luns a venres 9.00 a 14.00 horas). O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de maio.

Publicacións Relacionadas