O acto terá lugar o vindeiro sábado, 12 de setembro, e incluirá unha charla do historiador Héitor Picallo, ademais dunha homenaxe ás persosas que presidiron a entidade desde 1946
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a importancia do traballo deste organismo, que desenvolve “accións moi importantes que melloran o día a día da veciñanza da parroquia”
A Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, unha das oito que aínda permanecen operativas na provincia de Pontevedra (nove en total, sumando a de Berán, na vila ourensá de Leiro), conmemorará o vindeiro sábado, 12 de setembro, os seus 80 anos de existencia. Foi o 18 de xaneiro de 1946 cando se constituíu oficialmente este organismo independente, a raíz unha sentenza xudicial sobre o monte. Esa resolución foi a semente que serviu para consolidar a unha entidade que xestiona os seus propios recursos, traballando en colaboración co Concello de Caldas de Reis.
Fernando Sabarís, actual máximo responsable da Entidade Local Menor, salienta as “oito décadas de traballo e esforzo compartido de veciños e veciñas que deixaron unha fonda pegada”, ao tempo que pon en valor o “orgullo” que supón para Arcos da Condesa contar con este órgano. Ademais, recoñece que, se ben o pasado é importante, tamén o é o futuro, de aí que un dos obxectivos da entidade sexa darse a coñecer entre as novas xeracións. “Precisamos das súas ideas, a súa enerxía e os seus valores para garantir o relevo e consolidar a Arcos como unha comunidade forte e con voz propia”, precisou.
O alcalde, Jacobo Pérez, que, precisamente, presidiu a entidade entre os anos 2011 e 2019, incidiu na importancia que ten aínda a día de hoxe a Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, así como a boa sintonía que hai coa Administración municipal. “Este organismo fai un traballo moi importante para o día a día dos veciños e as veciñas da parroquia, especialmente no que se refire a tarefas de limpeza e mantemento. Isto facilita que desde o Concello se poidan asumir actuacións máis importantes, como a obra que actualmente estamos a desenvolver na mellora do Camiño de San Martiño. Ademais, noutras épocas tamén permitiu axilizar outros proxectos”, recorda o rexedor, que como veciño de Arcos da Condesa, recoñece sentir “un gran orgullo por ter formado parte desta entidade local e de poder seguir traballando man a man con ela na actualidade”.
O acto organizado pola Entidad Local Menor contará coa actuación dun grupo de gaitas, ademais dunha conferencia a cargo do historiador cuntiense Héitor Picallo, que fará un repaso á evolución histórica da parroquia, destacando diferentes épocas de esplendor, como a que viviu na Idade Media. Ademais, durante o evento tamén se renderá homenaxe ás persoas que presidiron a entidade de Arcos da Condesa desde a súa fundación. Farase entrega dun detalle conmemorativo aos presidentes que aínda viven e haberá un recordo para os que xa finaron.
Desde 1946, a Entidade Local Menor de Arcos da Condesa contou con once presidentes, algúns dos cales tiveron mandatos en diferentes etapas. A primeira Corporación estivo liderada por Julio Ocampo (ata 1949), a quen lle seguiron Gervasio Buceta (1949-1958), Isolino López (1958-1972), Alfredo Andión (1972-1983), Francisco Castro (1983- 1987), José M. Balseiro (1987-1991), Enrique López (1991-1995 e 1999-2003), Francisco Rivas (1995-1999 e 2003-2011), Jacobo Pérez (2011-2019) e Francisco Alonso (2019-2023). O seu máximo responsable actual é Fernando Sabarís.
Ademais de Caldas de Reis, os concellos da provincia de Pontevedra que aínda contan na actualidade con Entidades Locais Menores son Mondariz (dúas), Tui, Gondomar, O Porriño, A Guarda e Vigo. A todo eles súmase Leiro, na parroquia de Berán.

