– O permiso será imprescindible tanto para as fogueiras que se fagan en terreos particulares como en terreos públicos, estas últimas so poderán ser realizadas por entidades de participación cidadá, asociacións ou colectivos.
O Concello de Redondela ten xa aberto até o próximo 15 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para a realización das tradicionais fogueiras de San Xoán, durante a noite do 23 a 24 de xuño. A solicitude pode facerse a través do rexistro de forma presencial ou telematicamente. A autorización é imprescindible para a realización de fogueiras tanto en terreos particulares como públicos, aínda que neste último caso, so poderán realizar fogueiras as entidades de participación cidadá. A alcaldesa Digna Rivas, explica que se trata de conxugar “a celebración dunha tradición tan arraigada como as fogueiras, coas normas básicas de seguridade para evitar riscos ou accidentes”. En todo caso, tanto particulares como asociacións deberán seguir unhas normas comúns, como o feito que os elementos da fogueira estean colocados xa o día anterior á queima para que os servizos municipais poidan levar a cabo a súa revisión e control. Asi mesmo, o volume de material combustible non poderá superar os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura, e a separación entre fogueiras e os edificios, árbores e demais elementos que poidan resultar danados será, como mínimo, de 12 metros. A solicitude que deberán presentar recolle tamén a lista de elementos que se poden queimar, como leña, ramas, toros de árbores e materiais vellos sempre de madeira. Tamén se especifica na normativa os materiais que está prohibido queimar, como pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera sustancia explosiva. Neste sentido, o Concello de Redondela lembra que un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión. Finalmente, as solicitudes deberán acatar as normas ou instrucións que poidan ditar, en determinadas circunstancias, os axentes dos corpos de Policía, bombeiros e demais servizos públicos tanto municipais como doutras administracións públicas.

