– As brigadas municipais comezan o luns na parroquia de Saxamonde, mentres rematan as actuacións en Quintela. Os operarios xa completaron con éxito os labores de limpeza e roza en Cesantes, O Viso, Ventosela e Reboreda.
– O obxectivo do goberno local é que a totalidade dos camiños estean en perfectas condicións antes do verán. A alcaldesa destaca que o obxectivo é “garantir a seguridade viaria, a prevención de incendios e unha mellora real na calidade de vida das veciñas e veciños das parroquias”.
O Concello de Redondela continúa a desenvolver con intensidade a campaña de primavera para a roza e limpeza integral de toda a rede de camiños municipais. O cronograma de traballo avanza a bo ritmo co obxectivo de que as vías das 13 parroquias do municipio estean en perfecto estado antes da chegada do verán.
Dentro da planificación prevista, as brigadas iniciarán este luns os traballos na parroquia de Saxamonde. De xeito simultáneo, outros equipos de operarios atópanse rematando as tarefas na parroquia de Quintela. Estas intervencións súmanse ás xa realizadas con anterioridade nas parroquias de Cesantes (onde arrancou a campaña o pasado mes de abril), O Viso, Ventosela e Reboreda, onde os camiños xa quedaron libres de maleza.
Esta campaña atópase integrada no contrato de limpeza e mantemento de vías municipais que supón un investimento de case un millón de euros por dous anos. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que este contrato garante “dúas rozas integrais ao ano en todas as parroquias: unha na primavera (entre os meses de abril e xuño) e outra no outono”. Rivas subliña que o propósito desta aposta decidida é “garantir a seguridade viaria, a prevención de incendios e unha mellora real na calidade de vida das veciñas e veciños das parroquias”. Esta fase actual resulta clave para cumprir coa normativa de defensa contra incendios forestais antes da época de maior risco.
Os traballos executados polas brigadas inclúen a roza de maleza, herbas e arbustos, así como a limpeza de gabias e drenaxes para previr asolagamentos coas chuvias. Os operarios tamén realizan a retirada de lixo e plásticos nas beiravías. Todo o mantemento faise con medios mecánicos e manuais, sen empregar produtos químicos e respectando a biodiversidade local.

