Baiona impulsa o turismo cultural e familiar esta ponte do Pilar, con visitas guiadas gratuítas polo seu centro histórico e unha visita-taller para os máis pequenos

Redacción

Con motivo da Ponte do Pilar, o Concello de Baiona, a través da súa Concellaría de Turismo, deseñou unha axenda de actividades orientada tanto aos veciños do municipio como aos visitantes que escollan a Vila como destino de descanso.

O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o patrimonio histórico do casco antigo e ofrecer unha alternativa de lecer educativo de calidade para as familias. A programación inclúe un percorrido histórico-cultural con guía oficial e un dinámico taller infantil de corte interactivo, baseado na Arribada da Carabela Pedresa.

A visita guiada polo Centro histórico será o sábado, 10 de outubro, ás 12:30h. Trátase dun percorrido a pé dunha hora e media de duración conducido por unha guía oficial. Os asistentes poderán mergullarse na rica historia de Baiona, percorrendo os monumentos, ruelas e recunchos máis emblemáticos do seu centro histórico.

O domingo, 11 de outubro ás 11:00h. Terá lugar a Visita-Taller Familiar: “A Arribada: unha aventura para os sentidos”.
Unha experiencia lúdica e interactiva pensada especialmente para os máis pequenos (idade mínima obrigatoria de 5 anos) e as súas familias. O taller revivirá a histórica chegada da carabela a través de dinámicas que espertarán a imaxinación e os sentidos dos participantes. En caso de choiva, esta actividade trasladarase ao Multiusos Ángel Bedriñana (sito na C/Carabela Pedresa).

O punto de encontro de ambas as actividades é o exterior da Oficina de Turismo de Baiona.

Todas as actividades programadas son completamente gratuítas. Ao tratarse de prazas con capacidade limitada para garantir a calidade do servizo, é de carácter obrigatorio realizar unha inscrición previa presencialmente na Oficina de Turismo ou por correo electrónico en oficinadeturismo@baiona.gal

Comparte este artigo