Aprovéitase o inicio da ponte de maio para ofrecer unha nova cita co patrimonio local
O vindeiro venres, 1 de maio, ás 11.00 horas, levarase a cabo unha visita guiada gratuíta polo Centro histórico de Baiona, unha oportunidade deseñada tanto para os nosos veciños como para visitantes que aproveiten estes días para vir á nosa Vila.
O percorrido, que terá unha duración aproximada dunha hora e media, partirá desde a Oficina de Turismo. Da man dunha Guía Oficial de Galicia, os asistentes percorrerán as rúas e monumentos máis emblemáticos do centro, descubrindo os fitos históricos que deron forma á identidade baionesa.
Debido á limitación de prazas, é obrigatoria a inscrición previa, e os interesados poden realizala presencialmente na Oficina de Turismo ou enviando un correo electrónico a oficinadeturismo@baiona.gal. O prazo finaliza o xoves 29, ás 14.30 horas.
Na solicitude deberase indicar:
- Nome completo de todos os participantes.
- Procedencia e teléfono de contacto.
- Idade dos menores de idade (se os houbese).
Esta actividade intégrase no calendario anual de visitas guiadas e roteiros-taller impulsado pola Concellaría de Turismo. Segundo destaca a concelleira Sheila González, estas iniciativas buscan “difundir e poñer en valor o rico patrimonio cultural e turístico de Baiona, achegándoo a todos os públicos e fomentando especialmente nos máis pequenos o respecto e o coñecemento das nosas tradicións locais”.

