O Concello de Baiona informa de que a praia da Concheira volve estar aberta ao baño despois de que o Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño do SERGAS, dependente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, remitise hoxe ao Concello os resultados das novas analíticas, que confirman que as augas do areal volven alcanzar a calidade excelente.
Á vista destes resultados, o Concello procedeu a retirar a prohibición temporal do baño establecida como medida preventiva e a restablecer a normalidade na praia, onde ondeará novamente a bandeira verde.
O Concello agradece a comprensión mostrada por veciños e visitantes durante estes días e destaca que as medidas adoptadas responderon en todo momento a criterios de prevención e protección da saúde pública, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

