Concello e acuBam impulsan esta formación para reforzar a capacitación e a seguridade de persoas traballadoras e veciñanza
Impartirase entre maio e xuño con exame final en Pontevedra e certificación oficial. Inscrición aberta ata o 5 de maio, con prazas limitadas
O futuro do campo tamén se cultiva nas aulas. A Feira de Cultivos do Baixo Miño dá un paso máis alá da exposición e a dinamización do sector para apostar pola formación especializada cun curso de aplicación de produtos fitosanitarios nivel básico dirixido a profesionais e persoas interesadas en adquirir ou mellorar as súas competencias neste ámbito e obter a certificación oficial, obrigatoria para poder mercar e aplicar praguicidas.
A formación, organizada polo Concello de Tomiño en colaboración coa Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), desenvolverase previsiblemente entre a segunda quincena de maio e a primeira de xuño, cun total de 25 horas repartidas en cinco sesións de cinco horas, que terán lugar os venres en horario de tarde (16.00 a 21.00 h) e os sábados pola mañá (09.00 a 14.00 h). As datas orientativas son os días 22, 23, 29 e 30 de maio, e o 5 de xuño.
O curso, subvencionado de forma parcial polo Concello, impartirase no Centro de Formación Ocupacional “O Regatiño”, en Goián, e terá un custo de 100 euros por persoa, incluíndo clases, póliza de seguro de accidentes e taxas de exame, cunha segunda oportunidade no caso de non superar a primeira proba.
As probas de avaliación celebraranse en Pontevedra, en horario de mañá, os venres 12 ou 26 de xuño. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 5 de maio e as prazas serán limitadas e poderá formalizarse a través da web da Feira de Cultivos do Baixo Miño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia de incorporar a formación como eixo estratéxico dentro da feira. “Queremos que esta cita sexa tamén unha oportunidade para medrar como sector, para gañar en profesionalización e para afrontar con garantías os retos que ten por diante o noso agro. Apostar pola formación é apostar por un rural máis preparado e con máis futuro”, resaltou.
Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, puxo en valor a utilidade práctica desta iniciativa, xa que “este tipo de cursos son fundamentais para o día a día das explotacións. Non só permiten cumprir coa normativa, senón tamén traballar con máis seguridade, máis coñecemento e maior respecto pola contorna”.
Con esta proposta, a Feira de Cultivos do Baixo Miño consolida o seu papel como espazo de referencia non só para a exhibición e a comercialización, senón tamén para a aprendizaxe e a innovación nun sector clave para a economía e a identidade da comarca.

