O Concello destaca o incremento de visitantes, a consolidación de Tui como segundo punto de inicio dos Camiños de Santiago e a proxección exterior da cidade.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Turismo, que se conmemora hoxe domingo 27 de setembro, o Concello de Tui reivindica o turismo como unha oportunidade para poñer en valor o patrimonio, reforzar a identidade da cidade e xerar actividade económica e emprego.
A evolución dos últimos anos confirma o crecemento de Tui como destino. A Oficina Municipal de Turismo atendeu no pasado mes de agosto a 5.614 persoas, un 28 % máis que no mesmo mes de 2025. Pola súa banda, o Camiño Portugués contabilizou en agosto 16.395 peregrinos, un 12 % máis que no mesmo período do ano anterior.
No acumulado do ano, o Camiño Portugués supera xa os 79.000 peregrinos e Tui mantense como segundo punto de inicio de todos os Camiños de Santiago, con máis de 33.000 persoas que iniciaron aquí a súa peregrinación en 2026.
Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, estes datos permiten comprobar como evolucionou a percepción de Tui como destino turístico. “Tui sempre tivo patrimonio, Camiño de Santiago, natureza, gastronomía e unha situación privilexiada xunto ao Miño e a Valença. O que estamos facendo desde o Concello é traballar para converter todos eses recursos nun destino recoñecible, competitivo e atractivo durante todo o ano”, explica.
O crecemento turístico de Tui responde a unha estratexia baseada na posta en valor do patrimonio, a creación de produto turístico, a promoción exterior, a cooperación territorial e a dixitalización.
O Conxunto Histórico, a Catedral, o legado xudeu, o río Miño, o patrimonio natural e a condición de cidade transfronteiriza constitúen os principais activos dun modelo turístico no que cultura e patrimonio se combinan con natureza, gastronomía e experiencias vinculadas ó territorio.
A celebración do 800 aniversario da consagración da Catedral está a supoñer este ano unha oportunidade singular para reforzar a proxección exterior de Tui.
Baixo o lema “Tui, Catedral de Historias”, o Concello presentou en FITUR unha campaña específica destinada a situar este acontecemento no ámbito turístico e cultural e a utilizar a Catedral como elemento de promoción da cidade. A programación conmemorativa desenvolvida ao longo do ano incorpora diferentes propostas culturais e artísticas destinadas tanto á cidadanía como ás persoas visitantes. A esta programación sumouse a nova iluminación artística da Catedral, financiada a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Galicia Suroeste, que permite poñer en valor o principal monumento de Tui e reforzar a súa presenza no territorio.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “un aniversario destas características non podía quedar unicamente dentro de Tui. Tiñamos que aproveitar esta oportunidade para proxectar a nosa cidade cara a fóra, atraer visitantes e conseguir que moitas persoas descubrisen por primeira vez a nosa Catedral, o noso patrimonio e a nosa historia”.
A pertenza de Tui á Red de Juderías de España permitiu incorporar o patrimonio xudeu tudense a unha rede especializada de promoción cultural e turística e participar en iniciativas de ámbito nacional e internacional. Neste marco sitúase, entre outras actuacións, a exposición itinerante sobre os sambenitos, que está percorrendo diferentes cidades de España vinculadas á rede.
O Camiño Portugués é hoxe un dos principais elementos de proxección internacional da cidade. O importante incremento experimentado nos últimos anos consolida a cidade como unha das principais portas de entrada dos peregrinos que realizan a súa ruta cara a Santiago.
A estratexia municipal busca, ademais, que a experiencia do peregrino non remate coa saída cara a Santiago, senón favorecer que descubra Tui, permaneza na cidade, coñeza o seu patrimonio, consuma nos establecementos locais e poida converterse tamén nun visitante que regrese no futuro.
A cooperación territorial constitúe outra das liñas estratéxicas da política turística municipal. Tui participa en proxectos que permiten superar a visión do destino como un espazo exclusivamente municipal e avanzar cara a unha oferta turística máis ampla, conectada e competitiva.
Neste ámbito situase a participación en proxectos como Visit Miño e Visit Miño Plus, orientados á promoción conxunta do territorio do Miño, así como a participación no Xeodestino Galicia Suroeste, que permite a promoción conxunta dos recursos turísticos do territorio.
A cooperación transfronteiriza ten tamén un papel destacado a través de UNICIDADE, un proxecto que reforza a colaboración entre Tui e Valença e a concepción do territorio fronteirizo como un espazo turístico común e constitúe unha oportunidade para a promoción turística da Eurocidade.
A dimensión europea da recuperación e posta en valor do patrimonio está presente tamén no proxecto FARPAX, desenvolvido no marco do programa Interreg, que permite avanzar na recuperación de patrimonio histórico e na súa valorización como recurso cultural e turístico.
A transformación turística de Tui tamén se está producindo no ámbito dixital. Nos últimos anos o Concello reforzou a comunicación turística a través das redes sociais e das canles dixitais oficiais, consolidando o perfil oficial de Turismo de Tui como unha ferramenta fundamental para dar a coñecer os recursos do municipio, difundir actividades e propostas e manter unha comunicación permanente con turistas e potenciais visitantes.
A transformación de Tui como destino pasa tamén pola súa adaptación ás novas formas de viaxar e de buscar información.
O Concello está avanzando na transformación de Tui nun Destino Turístico Intelixente, impulsada a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, incorporando novas ferramentas dixitais destinadas a mellorar a información, a accesibilidade aos recursos e a experiencia do visitante.
“Non abonda con ter recursos turísticos; hoxe tamén é necesario estar onde busca o visitante, ofrecerlle información útil e atractiva e facilitar que poida descubrir todo o que Tui ten para ofrecer”, explica Ana Núñez.
Esta evolución está a dar agora un novo paso coa transformación de Tui nun Destino Turístico Intelixente, impulsada a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino. O PSTD está permitindo incorporar novas ferramentas e solucións tecnolóxicas destinadas á dixitalización do destino, mellorar a información turística, facilitar o acceso aos recursos e avanzar cara a unha xestión máis eficiente baseada no coñecemento e nos datos.
Para o Concello, o crecemento turístico debe traducirse en beneficios para o conxunto da cidade.
“O turismo non é só unha política de promoción da cidade. É tamén unha política económica”, subliña Ana Núñez. “Cada persoa que se aloxa, come, merca no comercio local ou participa nunha actividade está contribuíndo a xerar actividade económica e emprego”.
O Concello considera que os datos actuais confirman o potencial de Tui como destino turístico, pero tamén que o crecemento abre novos retos.
Neste Día Mundial do Turismo, o Concello sitúa así o principal reto dos próximos anos en medrar de maneira equilibrada e sostible, reducir a estacionalidade e conseguir que o crecente número de visitantes se traduza en máis estadías, máis consumo local e maior coñecemento de Tui como destino.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destaca que “Tui ten unha oportunidade extraordinaria para seguir proxectándose cara ao exterior”. “Temos patrimonio, temos Camiño, temos territorio e temos unha situación transfronteiriza que nos diferencia. O reto agora é seguir convertendo todos eses activos en oportunidades para a cidade”, afirma.
Para Ana Núñez, o Día Mundial do Turismo debe servir tamén para mirar cara ao futuro: “Queremos medrar ben. Queremos atraer visitantes que valoren o noso patrimonio, a nosa cultura e o noso entorno, conseguir que permanezan máis tempo, que coñezan máis recursos do municipio e que a súa visita teña un retorno económico para a nosa cidade”.

