Bibliofogar aumenta a súa frecuencia nos barrios ante o incremento da demanda do servizo

Redacción

Bibliofogar, un servizo de extensión bibliotecaria que presta a biblioteca municipal de xeito gratuíto,  pasa a ofrecer atención cada quince días en Romariz, Alxán e Val-Sobral tras medrar case un 50 % o número de préstamos nos barrios

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentaron este servizo e a súa posta en marcha dende a vindeira semana e se prolongará ata maio do 2026.

O Concello de Soutomaior reforza este curso 2026/2027 o servizo Bibliofogar, a iniciativa de extensión bibliotecaria da Biblioteca Municipal Luís Seoane que ten como obxectivo achegar a lectura e os recursos bibliográficos a aquelas persoas que atopan dificultades para desprazarse ata as instalacións da biblioteca.

Como principal novidade deste ano, Bibliofogar aumenta a súa frecuencia nos barrios e pasa a prestar servizo cada quince días, fronte á periodicidade mensual coa que se viña realizando ata agora. A decisión responde ao importante incremento da demanda rexistrado durante os últimos meses, especialmente nos barrios nos que se desenvolve o servizo.

En concreto, nos barrios pasouse dos 177 préstamos rexistrados no mesmo período de 2025 aos 263 préstamos contabilizados no que levamos de 2026, o que supón un incremento próximo ao 50 %. Ademais, o servizo continúa medrando tamén no seu conxunto, tanto no número de préstamos como no de persoas usuarias.

Deste xeito, a partir deste curso, Bibliofogar manterá a seguinte programación:

Primeiro martes e terceiro martes de mes:

📍 Romariz: ás 11:00h.

📍 Alxán: ás 12:15h.

Segundo e ultimo martes de mes:

📍 Val-Sobral: ás 12:00h.  

Ademais dos puntos de atención nos barrios, o servizo continúa colaborando cos dous centros de día do concello, facilitando tamén ás persoas maiores o acceso aos fondos e recursos da biblioteca municipal.

Desde a Concellería de Cultura destacan a importancia dun proxecto que busca garantir o acceso á cultura independentemente do lugar de residencia, a idade ou as dificultades de mobilidade.

“Desde a Concellería de Cultura estamos moi orgullosas dun proxecto cuxo obxectivo é salvar os atrancos que teñen as persoas do rural e as persoas con mobilidade reducida no seu acceso aos fondos da nosa biblioteca municipal. A ampla demanda que ten o servizo levounos a aumentar a súa frecuencia nos barrios, nunha clara aposta polo rural tamén no ámbito da cultura”, sinala a concelleira Silvia Cernadas.

Un servizo para achegar a biblioteca a todas as persoas

Para prestar este servizo, o Concello conta cunha furgoneta equipada con ordenador, acceso a Internet, mobiliario e material bibliotecario, que permite trasladar os recursos directamente aos diferentes puntos do municipio.

Bibliofogar ofrece, por unha banda, o desprazamento aos domicilios das persoas que o soliciten e que teñan dificultades para acudir á biblioteca e, por outra, leva os recursos bibliotecarios aos centros de maiores e locais veciñais, onde varias persoas poden beneficiarse simultaneamente da iniciativa.

Pero Bibliofogar vai máis alá dun servizo de préstamo e devolución de libros. O proxecto naceu tamén coa finalidade de ofrecer apoio, acompañamento e socialización, contribuíndo a reducir situacións de illamento e soidade e facendo da biblioteca un servizo público máis próximo e accesible para toda a veciñanza.

O compromiso e a innovación deste proxecto foron recoñecidos con diferentes galardóns, entre eles o Premio María Moliner do Ministerio de Cultura en 2021 e o Premio á Innovación Bibliotecaria da Xunta de Galicia en 2022.

Con este reforzo da frecuencia nos barrios, o Concello de Soutomaior continúa apostando por unha biblioteca pública máis próxima, accesible e inclusiva, facendo que a cultura e a lectura cheguen tamén a aqueles lugares e persoas para os que desprazarse ata a biblioteca pode supoñer unha dificultade.

Comparte este artigo