- O Concello de Bueu e a Asociación de Moteiros do Morrazo presentaron hoxe o programa que terá lugar na zona de As Lagoas
- Do 6 ao 8 de xuño realizaranse diversas actividades moteiras, entre as que se atopa a tradicional ruta nocturna con fachos
O Concello de Bueu prepárase para acoller esta fin de semana a ‘Concentración Moteros do Morrazo 2025’, que se celebrará na contorna das Lagoas entre o venres 6 ao domingo 8 de xuño. Este luns, no aparcadoiro de As Lagoas, tivo lugar o acto de presentación do programa, á que acudiron Carmen García, concelleira de cultura, Isabel Quintás, tenente de alcalde, Borja Portela, presidente da Asociación de Moteiros do Morrazo, e outros integrantes do colectivo.
Carmen García, edil de cultura, agradeceu á asociación “polo traballo que desenvolve todo o ano e que permite organizar este evento na vila”. Así mesmo, tamén avanzou que “se contará cun dispositivo de seguridade e de tráfico tal e como se acordou na reunión de seguridade mantida hai días entre o goberno local e a policía da vila”.
Borja Portela, dende o motoclub, catalogou como “moi boa” a previsión da concentración, pois vendéronse todas as inscricións anticipadas, e agárdase que se cubra a totalidade xa o venres. Ademais, dende a directiva da asociación, revelaban que, entre o total de persoas inscritas, anotáronse moteiros e moteiras procedentes doutros puntos do país, como Xixón, La Bañeza ou Sanabria, entre outros. O evento dirixido aos amantes do mundo do motor, e que conta co apoio do Concello, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e patrocinadores privados celebrarase entre a carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas e a do Campo da Estacada. Dende a organización tamén apelan ao civismo e este ano, ao igual ca no pasado, volverán aplicar unhas medidas para minimizar o ruído nas horas nocturnas.
As xornadas sobre rodas darán comezo este venres, día 6, coa apertura de inscricións ás 17 horas para as persoas interesadas en formar parte do evento. Neste día, non se realizarán actos moteiros, pero os/as asistentes poderán gozar de música a partir das 22 horas, co grupo América de Vigo, e dos Djs Chimo e Michi.
O sábado, a apertura de inscricións comeza ao mediodía, mentres que os actos moteiros dan o pistoletazo de saída ás 17 horas, coa ruta con pinchada pola zona. A exhibición stunt será o seguinte espectáculo, que terá lugar ás 19 horas, en Ramón Bares, da man de Paulo Martinho Freestyle. Neste mesmo intre, dáse apertura ás inscricións para a proba de decibelios e motos lentas, a cal se efectuará pola noite. Os moteiros e moteiras poderán participar na cea prevista das 22.30 horas, na que se realizarán sorteos de agasallos. A xornada máis ardente non rematará aquí, pois ás 00.30 horas comezará tradicional ruta nocturna con fachos na memoria dos compañeiros falecidos, a través das rúas da vila. Ao rematar a ruta, os inscritos volverán gozar das súas vantaxes cunha queimada gratis e máis sorteos de agasallos. A festa continuará a cargo do DJ Rubén Díaz e do DJ Charlie e DJ Quico.
A mañá do domingo non será menos movida cás xornadas anteriores, pois as persoas inscritas poderán deleitarse dun almorzo entre as 10 e as 11.30 horas. Despois de encher o estómago, ás 11.30 horas haberá unha ruta pola zona. As xornadas moteiras pecharán cunha sesión de vermú e petiscos amenizada polo grupo De cañas ás 13 horas, e na que tamén se realizará a entrega de trofeos.
Plan de tráfico concentración moteira
Por mor da celebración do evento moteiro, o Concello informa á cidadanía dos cortes de tráfico que se efectuarán ao longo destes días na vila. O aparcadoiro das Lagoas péchase este luns, 2 de xuño, ás 15.00 horas debido á montaxe da carpa. A rúa Johan Carballeira estará cortada dende o venres ás 16 horas ata o domingo á mesma hora, agás os garaxes; a rúa López Cortizo Ferrolán, estará cortada dende o xoves ás 14 horas ata o domingo ás 16 horas; a rúa José María Estévez, tamén permanecerá cortada entre o venres ás 16.00 h e o domingo a esa hora; e en Ramón Bares prohibirase o aparcadoiro e o tránsito o sábado de 13.00 a 21.00 horas.