Carme da Silva reunirase mañá con veciñanza da Estrada preocupada pola sinistralidade da N-640

Redacción

Marcos Borrageros: «Trece atropelos e tres persoas mortas en sete anos non poden ser unha estatística máis para o Ministerio»

A candidata do BNG ao Congreso dos Deputados, Carme da Silva, manterá mañá, xoves 19 de novembro, ás 17.30 horas, no local do BNG da Estrada, un encontro con veciños e veciñas preocupados pola alta sinistralidade da N-640 ao seu paso polo casco urbano.

Desde 2019 ata 2026, este treito acumula 13 atropelos, con tres persoas falecidas, uns datos que, segundo denuncia o BNG, evidencian un grave problema de seguridade viaria que o Ministerio de Transportes segue sen atender.

O candidato do BNG á alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, lembrou que a formación nacionalista leva anos reclamando solucións: «O BNG da Estrada levou ao Congreso en diversas ocasións iniciativas para que o Ministerio de Transportes tomase medidas na N-640. A resposta foi sempre a mesma: que non detectaba que ese tramo tivese unha alta sinistralidade. Con trece atropelos e tres persoas falecidas, é imposible sustentar esa afirmación».

Borrageros engadiu que, a día de hoxe, «o Ministerio non tomou ningunha medida» e criticou que se agarde a que haxa novas vítimas para actuar: «A seguridade das persoas da Estrada non pode depender de que un departamento ministerial recoñeza ou non o que a veciñanza vive cada día. Esixímoslle que actúe xa: que revise os datos, que escoite a quen camiña por esta vía e que execute as actuacións necesarias para protexer os peóns».

O encontro de mañá servirá para escoitar de primeira man as demandas da veciñanza e trasladalas ao Congreso dos Deputados na vindeira lexislatura. O BNG da Estrada continuará impulsando iniciativas, tanto no ámbito local como no estatal, ata que se adopten medidas efectivas de seguridade viaria na N-640.

Comparte este artigo