● O líder do PP de Pontevedra acudiu á chamada dos veciños que contemplaban atónitos a rapidez coa que se procedeu a derrubar a instalación deportiva
● A complicidade BNG-PSOE no Concello de Pontevedra deixa á veciñanza sen un espazo onde practicar deporte e realizar actividades de socialización
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, estivo esta mañá no lugar de Covadáspera, en Verducido, onde se atopaban concentrados numerosos veciños que contemplaban atónitos a demolición dun pavillón deportivo polo que tanto loitaron para erguer fai un cuarto de século.
Domínguez estivo do lado dos veciños e comprende a súa rabia e impotencia pola inxusta situación que están a vivir. “Hoxe é un día triste para os veciños de Verducido. Este é un pavillón que construíu Lores con diñeiro do Concello, da Deputación e, sobre todo, cos cartos dos veciños de Verducido”, indica o líder do PP de Pontevedra, que indica que a falta de mantemento deste pavillón por parte do Goberno de Lores abocou nun problema se seguridade.
Sen embargo, en lugar de poñer en marcha medidas para manter a instalación nunhas boas condicións, xurdiu un “pacto escuro entre o alcalde de Pontevedra e o presidente da Comunidade de Montes de Verducido, concelleiro do PSOE no consistorio pontevedrés, para a demolición destas instalacións”, explica Domínguez.
O líder do Partido Popular de Pontevedra indica que “imos esixir por escrito toda a documentación porque non é normal que arrasen co pavillón” e deixen orfos de instalacións deportivas e socioculturais aos veciños de Verducido. Ademáis, Domínguez afea ao alcalde que se poña en marcha o derrubamento da infraestrutura sen ter sobre a mesa unha alternativa para a práctica do deporte na parroquia.
O descontento veciñal quedou plasmado o pasado venres cando se presentaron no Rexistro do Concello de Pontevedra preto de 300 sinaturas que reclamaban a paralización da demolición do pavillón de Verducido e tamén hoxe mesmo, cando a veciñanza se plantou na obra para amosar o rexeitamento a unha medida que non comprenden nin comparten.
Os veciños tamén piden coñecer os informes técnicos e urbanísticos que fundamentan a demolición e os estudos sobre posibles solucións. Domínguez considera que o Concello de Pontevedra tiña que ter aberto un proceso de diálogo coas entidades sociais da parroquia e presentarlles unha solución que garanta unha instalación deportiva e social para Verducido.
Domínguez entende que unha vez máis, a complicidade BNG – PSOE está a prexudicar á veciñanza e déixaa sen solucións, como está a acontecer a nivel nacional coa pésima xestión de Pedro Sánchez levada a cabo co respaldo do BNG no Congreso dos deputados.
“Os veciños de Verducido precisan un espazo deportivo e de reunión en condicións e con seguridade e é o Concello de Pontevedra o que ten que propoñer unha alternativa. Está claro que o 29 de novembro España merece un cambio a nivel nacional e tamén está moi claro que Pontevedra merece un cambio no vindeiro mes de maio”, remata o presidente do Partido Popular de Pontevedra.

