Arredor de 637 persoas pasaron polo Auditorio Municipal durante os oito días da Semana de Cine, que combinou cinema galego, estatal e internacional, curtametraxes, público infantil e Escolas ao Cine
A película Así chegou a noite, de Ángel Santos, puxo este venres o punto final a unha edición marcada polo lema «Celebracións»
Cinemas Ocultos pechou onte pola noite a súa XXI Semana de Cine de Cangas despois de oito días de proxeccións. A última sesión estivo protagonizada por Así chegou a noite, de Ángel Santos, coa que Cineclub Cangas puxo o punto final a unha edición que volveu facer do Auditorio Municipal un espazo de encontro arredor do cinema.
Do 2 ao 9 de outubro, Cinemas Ocultos reuniu unha selección de cinema galego, estatal e internacional, con películas recoñecidas en festivais como Berlín, San Sebastián, Málaga, Annecy, Xixón ou Seminci e cineastas como Alberto Vázquez, Lila Avilés, Milagros Mumenthaler, Gonzaga Manso, Cyril Aris ou Ángel Santos.
A programación completouse coa aposta polo audiovisual galego de Galicia en Curta, unha sesión específica para público infantil e familiar e unha nova edición de Escolas ao Cine, coa que o Cineclub achegou tamén a experiencia da sala cinematográfica ao público escolar.
Un peche desde a costa galega
A XXI edición de Cinemas Ocultos despediuse con Así chegou a noite, de Ángel Santos, unha película ambientada nunha afastada zona rural da costa galega e protagonizada por Denís Gómez, Violeta Gil e Miguel Insúa. O filme, polo que Santos recibiu o Premio á Mellor Dirección no Festival de Xixón 2025, aborda a historia dun escultor que decide instalar o seu taller lonxe de todo e vai afastándose progresivamente das persoas que forman parte da súa vida.
A proxección contou coa presenza do propio Ángel Santos, que ao remate participou nun coloquio co público. A conversa permitiu coñecer máis de preto o proceso creativo da película e intercambiar impresións, preguntas e reflexións sobre o filme, convertendo a última sesión nun encontro entre o cineasta e os espectadores e poñendo o punto final a oito días de cinema no Auditorio Municipal de Cangas.
Desde a organización valoran especialmente este tipo de encontros e a resposta do público ao longo da Semana: «Para nós é especialmente importante comprobar que segue existindo interese por descubrir e compartir outro tipo de cinema», sinalan desde Cinemas Ocultos.
«Celebracións», medio século despois da primeira proxección
A XXI edición desenvolveuse baixo o lema «Celebracións», unha idea coa que Cineclub Cangas quixo reivindicar o cinema como experiencia colectiva: volver á sala, descubrir películas e compartir a experiencia con outras persoas.
O lema tivo este ano un significado especial. En decembro cumpriranse 50 anos da primeira proxección cineclubista celebrada en Cangas, en 1976, un fito que abriu o camiño á actividade que posteriormente desenvolvería Cineclub Cangas e que serve de antesala ao cincuentenario da entidade en 2027.
Desde aquela primeira pantalla ata as máis de 600 persoas que pasaron este ano por Cinemas Ocultos, a esencia continúa sendo a mesma: crear en Cangas un espazo para descubrir películas que non sempre chegan aos circuítos comerciais e facelo colectivamente.
Promovido pola Asociación Cívico-Cultural Xiria, Cineclub Cangas mantén ademais o seu compromiso coa difusión do cinema galego, as curtametraxes, a creación de novos públicos e o encontro entre espectadores e creación cinematográfica.
Co peche de Cinemas Ocultos 2026, o Cineclub comeza agora a mirar cara a 2027, ano no que celebrará o seu cincuentenario, mantendo viva unha historia de cinema compartido que comezou en Cangas hai medio século.

