A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe as instalacións do campo de fútbol de Louredo con motivo do inicio das obras de renovación e mellora desta infraestrutura deportiva. Estivo acompañada pola concelleira Felisa Rodríguez e polos concelleiros Camilo Grandal e Baldomero Lorenzo.
A actuación conta cun investimento inicial de 340.000 euros, financiado con 200.000 euros procedentes da primeira edición dos orzamentos participativos, e outros 140.000 euros achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas. O resto das actuacións necesarias serán financiandas con fondos propios municipais.
O proxecto, que resultou gañador de Mos Decide 2026, permitirá renovar o terreo de xogo e mellorar as condicións xerais da instalación.
Entre os traballos previstos inclúense a instalación de céspede artificial, a execución dun novo sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais, a dotación dun sistema de rega automática con depósito propio e a renovación da iluminación mediante torres de maior altura equipadas con tecnoloxía LED. A intervención completarase coa incorporación de novo equipamento deportivo.
Con esta actuación, o Concello de Mos inicia a renovación dunha instalación deportiva moi utilizada pola comunidade futbolística local, dando resposta a unha proposta trasladada e escollida pola cidadanía a través do proceso de orzamentos participativos.
Por outra banda, o Concello lembra que continúa aberto o prazo de votacións de Mos Decide 2027 ata o vindeiro día 9 de novembro. A veciñanza pode participar na elección dos proxectos que se executarán a través dos orzamentos participativos do vindeiro ano, cun total de 18 propostas finalistas entre as que poderá escoller.

