-A alcaldesa, Digna Rivas, destaca a importancia de achegar estes cursos a toda a poboación “facilitando que poidan participar deles sen ter que desprazarse da súa parroquia”.
-A concelleira Pilar Martínez amosouse moi satisfeita da boa acollida destas actividades “que axudarán aos participantes a mellorar a súa calidade de vida, xa que reforza a atención, aumenta a agudeza auditiva e visual e prevén o deterioro da memoria”.
Os cursos de memoria “Mente Activa”, que organiza a concellería de Maiores e Infancia en colaboración coa Fundación Formavigo comezan esta semana nas diferentes parroquias. A actividade colgou o cartel de “completo”, xa que a práctica totalidade das prazas ofertadas cubríronse con grupos de entre 12 e 14 alumnas e alumnos maiores de 55 anos. Son en total 14 grupos repartidos nas diferentes parroquias. Esta mañá arrancaron os de Cesantes e Ventosela. A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira Pilar Martínez visitaron ás alumnas e alumnos para agradecerlles a súa participación e animalos a aproveitar este tempo de formación “pero tamén lúdico e de lecer”. A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que estas actividades antes limitábanse a Redondela e Chapela, e que agora se imparten tamén no resto do territorio. A rexedora destaca a importancia de achegar estes cursos a toda a poboación “facilitando que poidan participar deles sen ter que desprazarse da súa parroquia”.
A concelleira Pilar Martínez amosouse moi satisfeita da boa acollida destas actividades “que axudarán aos participantes a mellorar a súa calidade de vida, xa que reforzan a atención, aumentan a agudeza auditiva e visual e preveñen o deterioro da memoria”. Os cursos son impartidos por María Martínez Barros, educadora social e xerontóloga, quen a través de xogos e exercicios fai que os participantes “melloren a lóxica, a comprensión lectora, a escritura e mesmo as súas relacións sociais”.
Os cursos, que son de balde, comezan esta semana nas asociacións e centros culturais de Cedeira, Quintela, CCD Cesantes, CCS A Miñoteira de Ventosela, AVV Chapela, ADC Rande, CC San Esteban de Negros, CC Saramagoso no Viso, CC Cabeiro, Asociación Soutoxuste, CC Vilar de Infesta, CC Cidadelle e Asociación Arela en Saxamonde.
Pilar Martínez adiantou xa que o vindeiro mes de marzo comezarán os cursos de Risoterapia e Musicoteparia que se impartirán tamén en todas as parroquias.

