O Concello de Salceda de Caselas vai recurrir a sentenza emitida polo Tribunal de Instancia de Pontevedra, Sección do Contencioso-Administrativo, na que se anula o acordo de toma de razón da Comunicación Previa de Obras presentada ante o Concello de Salceda de Caselas por parte de “Entenza, sociedad de vuelo deportivo, S.L.” para a primeira fase de movemento de terras dun futuro aeródromo nos terreos da Comunidade de Montes de Entenza.
Logo de analizada a sentenza por parte do equipo técnico e xurídico do Concello, acordouse recorrer ante o TSXG, por non compartir as conclusións do xuíz, que se respectan pero se consideran como interpretacións incorrectas.
Por unha banda, non se comparte que non se poda autorizar unha primeira fase para o movemento de terras, que foi o que se fixo, á espera de continuar máis adiante coa tramitación da autorización do resto das instalacións. Enténdese que non hai prexuizo ningún para o interese público, por actuar así, e que o risco ao que se refire a sentenza forma parte do risco empresarial que asume a propia entidade promotora do proxecto.
Considérase, ademáis, que para esa primeira fase a entidade promotora presentou tódolos informes sectoriais precisos, que avalaron a posta en marcha do proxecto.
Tampouco se comparte dende o Concello a necesariedade de ter que elaborar un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, dada a natureza do que se pretende, e moito menos que as actuacións realizadas ata a data competan á APLU, xa que foron obxecto de autorización municipal, e polo tanto o competente para a súa fiscalización é o Concello.
Por último, destacan dende o Concello a súa disconformidade co criterio da necesariedade de contar coa autorización de AESA, xa que fai meses que este organismo deixou de ter competencia nestes proxectos, que agora son competencia das Comunidades Autónomas, polo que non procede a conclusión recollida neste aspecto na sentenza.
Mesmo así, o Concello de Salceda quere ser garantista e emitirá un requerimento á entidade promotora do aeródromo solicitándolle toda a documentación que se indica na sentenza, para iniciar a tramitación de licenza de obra maior.
A solicitude presentada inicialmente consistía nun movemento de terras nunha zona xa chairada e non incluía construción de outros elementos, polo que dende o departamento de urbanismo se considerou que para esta fase era suficiente o trámite de comunicación previa, asumindo a propia entidade promotora a responsabilidade sobre a obra realizada. Os informes para esta primeira fase foron todos favorables.
Loli Castiñeira: “a parroquia de Entenza, a través da Asemblea da Comunidade de Montes, aprobou por unanimidade e sen ningún tipo de controversia o alugueiro dos terreos para iniciar a posta en marcha do aeródromo. A primeira fase, correspondente co movemento de terras, contaba con tódolos informes favorables, polo que non había razón ningunha para non aceptar o trámite de comunicación previa. Mesmo así, unha vez recibida a sentenza e analizada polo equipo técnico e xurídico do Concello, e sen prexuízo de manifestar a nosa disconformidade a través do recurso de apelación, darase trámite ao procedemento de licenza que nela se aconsella, dando cumprimento á mesma”.

