A igrexa parroquial de Santa María de Oia acollerá este sábado ás 20.00 horas o concerto de música antiga “Palestrina e o seu tempo”, a cargo das formacións Ensemble Vocal “Ángel Barja” de Vigo e Coro de Cámara “Solo Voces” de Lugo. Trátase dunha iniciativa para difundir a memoria do músico renacentista G. Pierluigi Palestrina (1525-1594), aproveitando o aniversario do nacemento deste xenio italiano da música polifónica.
O recital enmárcase baixo o programa Ai Ondas, unha iniciativa promovida por Alberto Abal que presenta a música e o contexto cultural de distintas épocas e persoas. Deste xeito, foméntase o aprecio pola música antiga e promóvese o diálogo entre a música e o patrimonio como perspectiva pedagóxica de indubidable valor.
Así, co gallo do quinto centenario do nacemento do compositor de música sacra G. Pierluigi Palestrina, esta fin de semana organizaranse dous concertos conxuntos entre as dúas formacións vocais. A primeira das citas musicais será en Oia este sábado; mentres que a segunda, cun formato máis reducido, se celebrará o domingo en Vigo.
O sábado 22 de marzo o recital terá lugar ás 20.00 horas na igrexa parroquial de Santa María de Oia baixo o título de Palestrina e o seu tempo e contará coa participación do Ensemble Vocal “Ángel Barja”, a coral “Solo Voces” de Lugo e o gregorianista Daniel Goberna, párroco da igrexa. A actividade conta coa colaboración da Diocese de Tui Vigo, a Xunta de Galicia e o Concello de Oia.
O domingo día 23 a parroquia viguesa da Nosa Señora da Soidade (O Castro) acollerá unha misa cantada ás 12.30h e un concerto con obras de Palestrina a cargo do Ensemble Vocal “Ángel Barja” e a coral “Solo Voces”.