Cuntis abre o prazo de inscrición do programa gratuíto Cuntilín para o curso 2024-2025

adminON
Lectura mínima de 4

O programa de conciliación desenvolverase no CPI Aurelio  Marcelino Rey García entre setembro e xuño e incorpora como  novidade o Plan Madruga, de 7.45 a 8.45, que se suma ao habitual  horario de tarde (de 15.30 ás 20.00 horas) 

O alcalde, Manuel Campos, destaca a aposta firme do Concello á  hora de facilitar ás familias o feito de poder conciliar a súa vida  familiar coa profesional, a través dunha iniciativa que leva máis de  15 anos operativa, sendo Cuntis un dos poucos concellos da  provincia de Pontevedra que ofrece o servizo de balde 

O Concello de Cuntis informa de que xa está  aberto o prazo de inscrición para a reserva de prazas do programa Cuntilín, que  se desenvolverá ao longo do vindeiro curso lectivo 2024-2025. Esta proposta gratuíta, destinada a nenos e nenas en idade escolar, tan coma obxectivo facilitar  e promover a conciliación laboral e familiar da veciñanza cuntiense entre os  meses de setembro e de xuño do vindeiro ano, dando, deste xeito, continuidado  á ludoteca Cuntilín Verán, que se vén desenvolvendo desde o comezo da  tempada estival e que tamén é de balde. Ademais, nesta edición inclúe unha  novidade moi importante, xa que, ademais de manter o horario de tarde,  incorpora o Plan Madruga, de 7.45 e 8.45 horas.

A Administración local vén de emitir un bando no que lembra que as solicitudes  poderanse tramitar no Rexistro Municipal, na Casa Consistorial, en horario de  luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Tamén é posible facelo de xeito telemático,  a través da Sede Electrónica, un espazo no que está dispoñible toda a  documentación. A devandita documentación tamén se pode solicitar de maneira  presencial nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil  (OMIX). Unha vez remate o prazo de inscrición, o luns 9 de setembro publicarase  o listado de nenos e nenas admitidas, tanto na Sede Electrónica como no  taboleiro de anuncios do Concello. O alcalde, Manuel Campos, explica que,  como xa é habitual, haberá tamén unha reunión informativa coas familias para  explicar os detalles do funcionamento do servizo. A cita será no Centro Patelas,  ás 20.00 horas. 

Ademais de incorporar o Plan Madruga polas mañás, Cuntilín estará operativo  no CPI Aurelio Marcelino Rey García de 15.30 a 20.00 horas. Ademais, tamén  funcionará nas vacacións de Nadal, de 8.00 a 14.00 horas, a excepción dos días  24 e 31 de decembro e 7 de xaneiro, a maiores de festivos. O alcalde recorda  que Cuntis leva xa máis de 15 anos apostando por ofrecer á veciñanza esta  ferramenta para garantir a conciliación familiar, o tempo que que Cuntilín “tamén  cumpre unha importante función educativa, grazas ao labor que realizan os e as  monitoras, con propostas formativas nas que, ademais da diversión, foméntanse  os hábitos saudables, bos comportamentos e valores como o compañeirismo”,  resalta Manuel Campos. 

O alcalde recorda, asemade, que Cuntis é un dos poucos concellos da provincia  de Pontevedra que ofrece este servizo de xeito gratuíto, en colaboración coa  Xunta de Galicia. Campos Velay incide en que “Cuntilín é un programa referente  na comarca e que está plenamente consolidado”. Como exemplo, salienta a  “espectacular acollida” coa que contou o Cuntilín Verán, que remata nos vindeiros días e que contou cun 100% de inscricións. No caso do Cuntilín 24-25,  comezará o 11 de setembro e finalizará o 20 de xuño. As prazas son limitadas.

Comparte este artigo