Redondela celebra o 50º aniversario da Revolución dos Caraveis cunha homenaxe a Durán Clemente

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Redondela conmemora o 50º aniversario da Revolución dos Caraveis (Revoluçao dos Cravos) cun acto que se celebra este xoves, día 9 de maio. O coronel Manuel Durán Clemente, con ascendencia en Redondela e Pazos de Borbén, recibirá unha homenaxe ás 19.30 horas no auditorio da Xunqueira. Durán Clemente é voceiro do Movemento das Forzas Armadas (MFA), precursor da Revolución dos Caraveis que derrubou a ditadura vixente durante 48 anos en Portugal. El será o gran protagonista desta xornada organizada polo Concello xunto co Colectivo Republicano de Redondela e Federación de Ateneos de Galicia. Haberá unha mesa redonda na que participarán Durán Clemente e Manuel Ruíz Robles, ex-membro da Unidade Militar Democrática e voceiro de Militares Democráticos (Anemoi), e que estará moderada pola xornalista Susi Queimaliños.

Finalmente, tras a mesa redonda, soará o histórico “Grândola Vila Morena”, canción de Zeca Alfonso escollida polo MFA como sinal do inicio da Revolución dos Caraveis en Portugal. O tema, que fai referencia á fraternidade entre as persoas, estará interpretado por Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Branca Francés, Josiño do Viso, Fon Conde e Berto Covelo.

Previamente, ás 13.00 horas, celebrarase na Casa do Concello un acto de recepción ao Coronel Durán por parte da Alcaldesa Digna Rivas.

Comparte este artigo