Dezaseis veciñas e veciños poñen rostro ao rexeitamento da sociedade cadense contra a violencia machista

Redacción

A Concellería de Igualdade desenvolve, dentro da programación do 25 de novembro, unha campaña na que son protagonistas persoas de diferentes eidos sociais e idades, co obxectivo de implicar á cidadanía na prevención e erradicación desta lacra social

As imaxes coas facianas dos e das protagonistas da campaña repártense polo municipio para conseguir que os espazos públicos se consolides como lugares de sensibilización

Dezaseis veciñas e veciños de Caldas de Reis son as protagonistas dunha das accións principais da programación que o Concello, a través da área de Igualdade, desenvolve para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro 25 de novembro. O alcalde, Jacobo Pérez, e a concelleira encargada desta área, Rocío Ferro, presentaron hoxe a campaña publicitaria, na compaña das persoas da vila que poñen rostro “ao compromiso da nosa sociedade fronte ás violencias machistas”.

A través do reparto de cartaces nos que figuran os rostros deste grupo de 16 veciñas e veciños, “o que pretendemos é que a nosa xente se vexa reflectida e se faga partícipe de xeito activo nesta campaña, na que os nosos espazos públicos se converten en lugares de sensibilización”, tal e como explicaron a edil de Igualdade e o alcalde.

A acción presenta a 16 “persoas reais” coma protagonistas, transmitindo unha imaxe clara de rexeitamento, concienciación e compromiso colectivo. Os retratos foron realizados a xente caldense, na que se inclúen mozos e mozas, adultos e persoas da terceira idade así como de diferentes sectores, como o ámbito educativo ou o tecido asociativo. Na campaña do 25N implicáronse estudantes, hostaleiros e hostaleiras, profesionais do sector empresariais, docentes, xubilados e xubiladas ou deportistas. Así, ata xuntar a 16 mulleres e homes “que son a imaxe dunha mensaxe que transmite un concepto tan sinxelo coma claro e incuestionable: as violencias machistas son un problema de toda a sociedade, polo que todas e todos debemos dar a cara contra elas”, apuntaron Ferro e Pérez Gulín.

As fotografías son en branco e negro, cun fondo que incorpora unha estética nunha gama cromada vencellada ao 25N, o que fará a campaña facilmente recoñecible a nivel visual. O obxectivo é sensibilizar á cidadanía de Caldas de Reis e a visitantes. “Poñemos o foco na prvención e erradicación das violencias machistas, promovendo unha sociedade baseada na igualdade, o respecto e a liberdade. O que queremos deixar claro é que Caldas de Reis di non ás violencias machistas”, concluíu o alcalde. As personas que aparecen nos cartaces son Amor Herrera (música e escritora), Juan Puente (xubilado), José Aragundo (empresario), Ana Ferro (estudante e deportista), María Jabois (empresaria), Javier Penido (director da Banda de Música), Charo Moreira (presidenta da Asociación de Mulleres Santa Mariña), Ana García (directora CPI Afonso VII), José Luís Goldar (hostaleiro), Sesi Roquiño (hostaleiro e locutor), Lucía Rivas (futbolista), Julio García (Mestres de cociña), Carmelo Goldar (fotógrafo), Ekaterina Rebón (taekwondista do Club Número Phi), Rocío Ferro (edil de Igualdade) e o alcalde, Jacobo Pérez.

Esta campaña é o eixo central dunha programación que a Concellería de Igualdade xa puxo en marcha hai varias semanas, a través de diferentes actividades, entre as que se inclúen talleres e obradoiros para alumnado de ESO ou a exposición ‘Chicas nuevas 24HRS’, de Mabel Lozano, que recibiu numerosas visitas no Consistorio durante o
mes de outubro. O teatro tamén terá marcado protagonismo no programa do 25N de Caldas de Reis, a través da obra ‘As R(H)umorosas’, unha comedia que, a través do humor, quere visibilizar a honestidade das mulleres ilusgres galegas durante moito tempo esquecidas, como Emilia Pardo Bazán, María Casares ou Pepa a Loba.

O Auditorio Municipal acollerá dúas proxeccións, unha para o público en xeral o domingo 22 de novembro (18.00 horas) e outra para o alumnado, o luns 23 ás 11.30 horas.

Comparte este artigo