Diego Rosal, candidato ás Municipais do 2027

Redacción

A concelleira Rosana Domínguez ocupará o segundo posto da candidatura

Chegando ao final desta lexislatura, o BNG de Meaño presenta ao seu candidato: Diego Rosal. O pasado Domingo 25, a Asemblea Local meañesa ratificou por unanimidade á persoa que encabezará a candidatura nacionalista para as vindeiras eleccións municipais, a celebrarse en maio de 2027.

Diego Rosal repite como candidato despois de renunciar á acta como concelleiro nas anteriores eleccións por motivos persoais, asumindo esa responsabilidade naquel momento a número dous da candidatura, Rosana Domínguez. Diego agradeceu a labor da concelleira Domínguez nesta lexislatura: “grazas á súa valentía e decisión conseguimos facer un traballo exemplar na oposición da corporación, que colocou ao BNG de Meaño como alternativa ao goberno actual”. Rosana Domínguez referiuse ao seu traballo na corporación: “unicamente puxen voz na corporación municipal ao traballo que realizamos todo o equipo, e agora é o momento de que continuemos o proxecto que comezou hai catro anos liderados por Diego Rosal.”

“Trátase dunha candidatura encabezada por dúas persoas que levan traballando xuntas toda a lexislatura”, afirmou o candidato na súa intervención ante os simpatizantes e militantes, e engadiu: “fomos responsables co papel que a veciñanza lle deu ao BNG, traballando como responsable local da organización e Rosana como concelleira na corporación”.Quedan xa poucos nomes para completar a candidatura que irán confirmando durante os vindeiros meses, antes da presentación pública á veciñanza.

Finalmente dende a organización destacaron que vai ser un curso político intenso xa que ao traballo previsto se engade a convocatoria de eleccións Xerais a finais de novembro. O BNG de Meaño avanza que organizará un acto público durante estas eleccións en Meaño, pois considera tamén moi importante achegar a política estatal ás veciñas e veciños do noso concello.

Comparte este artigo